Cargando as fotografías...
Nome do elemento patrimonial: CASCO HISTÓRICO SANTIAGO
Ano de creación:
Autores:
Ano de toma fotográfica: 2001
Información:
DESCRIPCIÓN XERAL
En 1985, a UNESCO certificou a importancia de Santiago que foi declarada Cidade Patrimonio Cultural da Humanidade. Esto significa que a cidade ten asegurada a súa pervivencia e a conservación das súas maravillas arquitectónicas. Santiago é un centro urbán de orixe medieval iniciándose a súa historia cara o ano 813 cando o eremita Paio advirtíu luces e resplandor no lugar no que se atopou o sepulcro do Apóstolo Santiago e dos seus discípulos. O descubrimento foi certificado polo obispo Teodomiro que decidíu o traslado da sede episcopal de Iria Flavia a Compostela dando lugar ó nacemento do Santo lugar ou Lugar de Santiago e a formación dun núcleo que será a cidade de Galicia por antonomasia. A súa conformación e desenvolvemento está, polo tanto, íntimamente ligada ó factor relixioso e político.
Nos séculos XI e XII, Compostela asistíu a unha etapa de gran desenvolvemento urbán como consecuencia de seres centro de peregrinación. Outro factor de crecimento foron as sucesivas construccións dos obispos. Ó longo da Idade Moderna, Santiago foi a cidade máis importante de Galicia xa que seguía destacando o seu carácter espiritual, punto de referencia en todo Occidente, pero agora sumábase o seu papel no Reino de Galicia erixíndose como capital principal das sete existentes. O seu carácter universitario veu a completar todavía máis a sua relevancia coma cidade cultural. Para o seu crecemento, foron importantes as rendas que a cidade recibía do nucleo rural, debido tanto os fidalgos con propiedades rústicas como ós eclesiásticos con xurisdiccións en amplas terras.
Dende o século XVI, a reforma protestante fixo decaer a peregrinación en Santiago e no século XVIII a actividade económica trasladouse á costa o que inicia o decaemento dos nucleos poblacionais do interior acentuándose este proceso no século XIX. No século XX, Santiago mantén a súa influencia coma cidade santa, universitaria e sanitaria pero cunha proxección comercial menor. Sen embargo, nos últimos anos, dende a súa declaración como capital rexional nos anos oitenta e sede do Parlamento e Goberno Autonómico de Galicia ademáis da promoción do Camiño de Santiago, devolveron a cidade a importancia histórica que se merece.
A riqueza artística e monumental de Santiago é sorprendente. Realmente resulta difícil facer un só percorrido para aprecia-la beleza que esconde a cidade e son múltiples os itinerarios posibles, dende a ineludible visita o núcleo central do casco histórico composto pola catedral e as rúas e edificios que a rodean ata os rincóns máis escondidos da cidade coma o paseo dos Leóns dende ó que se pode contemplar a catedral ou achegarse ata a Colexiata do Sar.
1. PERCORRIDO POR SANTIAGO:
ENTRADA POLA PORTA FAXEIRA
RÚA DO FRANCO
Rúa estreita e populosa que debe o seu nome os pelegríns franceses que se adentraban na cidade a traverso desta rúa poboada na actualidade de bares e de restaurantes. Esta rúa conduce directamente a Praza do Obradoio atopando polo camiño o Colexio de Santiago Alfeo.
COLEXIO DE SANTIAGO ALFEO
Alonso III de Fonseca será o gran humanista que impulsará o Renacimiento galego tendo como ámbito de actuación a ciudade de Santiago. O seu patrocinio débense interesantes obras como son o este colexio e o Claustro da Catedral de Santiago.
Estas obras, vinculadas ó artista Juan de Álava, que dende 1510 está en Santiago, inícianse dentro dun estilo gótico que evoluciona a plantexamentos Renacentistas. Toda-las solucións delatan una forte influencia das propostas salmantinas, de onde procedía o arquitecto.
As obras do Colexio de Santiago Alfeo comezaron cara 1532. A traza elaborada por Juan de Álava será revisada, antes da súa aprobación definitiva, por Alonso de Covarrubias, outorgando maior clasicismo á obra. A portada é plenamente renacentista con decoración de columnas xónicas.
O Claustro do Colexio de Santiago Alfeo é obra de Rodrigo Gil de Hontañón. De planta cadrada, estructurase en dous corpos articulados con arcadas. O cuerpo inferior con pilares refundidos e o superior con galería. O conxunto remátase, ó igual ca Fachada do Tesoruro, cunha crestería calada. Dentro deste conxunto, é moi rico o programa iconográfico que pode interpretarse a traverso dos medallóns e do friso coa inscripción do claustro.
PRAZA DO OBRADOIRO
A praza é o corazón de Compostela e está considerada unha das prazas máis fermosas do mundo.Unha das características máis importantes da praza e a harmonía imperante a pesares da disparidade de estilos e de funcións dos edificios que a rodean:
>HOSPITAL DOS REIS CATÓLICOS: A intervención dos reis Católicos para a creación dun Hospital de Pelegríns foi clave para a introducción do estilo plateresco en Galicia. De 1492 é a Cédula de Fundación rexia e en 1499 os reis emiten unha Cédula real ordeando a Don Diego de Muros, deán de Santiago, que se proceda a edificación do edificio. A construcción do Hospital iniciouse en 1501 sendo, Enrique Egas, o mestre de obras da mesma. O realmente interesante deste edificio é a convivencia de elementos todavía góticos con outros xa renacentistas como pode admirarse na igrexa, obra de Juan de Álava. Na portada, a decoración borgoñona das pilastras ou o arco do triunfo da entrada do edificio está en relación coa arte portuguesa xa que os seus autores, Martín de Blas e Guillén de Colás traballaron no mosteiro dos Xeromes de Belén, en Lisboa. Outros elementos fachada coma "grutescos" e "candelieri" son propios da decoración á italiana . Este tipo de decoración moi prolixa e minuciosa é o máis característico do Plateresco.
>PAZO DE RAXOI A importancia dos inxenieros militares que chegan a Galicia a finais do século XVIII é fundamental para impoñer un modo de traballo sobrio e racional. Dentro de este grupo destacarán Feliciano Míguez ou Carlos Lemour. A función destes autores é erradica-lo estilo barroco e impoñer una estética máis austera. A Carlos Lemour debémoslle o interesante Pazo de Raxoi de 1767, edificado a instancias do arzobispo Raxoi. O edificio é unha lección de urbanismo xa que completa perfectamente a Praza de Obradoiro. É de estilo francés estructurándose en tres plantas e un ático aínda que participa doutras influencias europeas.
>RECTORADO DA UNIVERSISADE A portada do rectorado da Universidade pertencía o antigo Pazo de San Xerome, unha obra gótica de finais do século XV que foi trasladada ó Obradoiro dende o seu emprazamento orixinal, a praza, frentre á fachada de Azabacherías, do Mosteiro de San Martiño Pinario. Nesta portada perviven elementos do Pórtico da Gloria avivados por detalles decorativos hispanoflamengos.
PRAZA DE PRATERÍAS
Débelle o seu nome as numerosas tendas de prateiros que existían baixo os arcos da pranta baixa do claustro da catedral. No centro da praza atopamo-la fonte dos Cabalos esculpida por J. Pernas en 1825. A praza péchase coa casa do Cabildo.
>CASA DO CABILDO Obra de Clemente Fernández Sarela, discípulo do famoso mestre do barroco de placas, Simón Rodríguez. A fachada, de 1758, é a aportación máis senlleira deste autor. Estamos ante unha fachada telón que pretende únicamente dignifica-lo entorno da catedral. Os elementos decorativos son moi interesantes aludindo a temas xacobeos.
PRAZA DA QUINTANA
>CASA DA CONGA É unha casa porticada edificada en 1709 por Domingo de Andrade.
>SAN PAIO DE ANTEALTARES O mosteiro é un dos máis antigos de Santiago. Foi fundado por Alfonso II no século IX para custodia-los restos do Apóstolo.Os muros exteriores do Mosterio de San Paio de Antealtares que miran á praza da Quintana son obra de Mateo López, que realizará a empresa por encargo do arzobispo Francisco Blanco. Este prelado consegue consolida-la corrente renacentista de influencia portuguesa en Galicia demandando os traballos deste arquitecto ó que tamén lle encargará as obras do Mosterio masculino de San Martiño Pinario. O enorme poder de ámbolos centros era o resultado da reforma monástica que fomentaba a concentración dos cenobios. Os muros graníticos son de enorme austeridade solo alterados polas súas cuarenta e oito fiestras con reixería.
>CASA DA PARRA Edificio barroco do século XVII que destaca pola súa decoración de frutas e pola cheminea.
PRAZA DE ACIBECHERÍA
O antigo mone desta plaza está herdado do gremio de Azabacheiros. Na actualidade é coñecida como Praza da Inmaculada.
>SAN MARTIÑO PINARIO Sito nesta plaza atopamos a entrada ó Mosterio de San Martiño Pinario que foi convento benedictino na súa orixe e máis tarde Seminario Maior. A igrexa é obra de mateo López e foi realizada a instancias do arzobispo Francisco Blanco. A igrexa de San Martiño é dunha enorme importancia xa que é a mellor mostra do clasicismo compostelano. As obras da fábrica sitúanse cara 1590. Os trabajos realizados na Portada de Santa María de Pontevedra servirán de inspiración para proxecta- la fachada do edificio, concebido como una fachada-retábulo. Estructurada en tres corpos verticais unidos por aletóns, presenta uns contrafortes meramente decorativos. Exteriormente reproduce a estructura interna do edificio, planta de cruz latina, dunha nave e capelas laterais entre contrafortes no que traballaron os mellores arquitectos do momento: Melchor de Velasco, Peña de Toro e Domingo de Andrade. Os retábulos barrocos do interior son traza de Fernando de Casas y Novoa e as pezas do escultor Miguel de Romay.
SAN MIGUEL DOS AGROS
Melchor de Prado é un arquitecto formado en San Fernando e constitue o mellor exemplo da arquitectura purista, de neoclasicismo ortodoxo. Obra súa é a fachada da igrexa de San Miguel de Agros de 1823 onde destaca a sobriedade dos muros e o emprego de pilastras enmarcando a fachada, presidida por un óculo e rematada en frontón.
2.. PERCORRIDO POR SANTIAGO:
PORTA DA MÁMOA
Dende esta porta, onde está situado o tradicional café Derby, adéntrase nunha das rúas máis comerciais de Santiago, a rúa das Orfas. Esta rúa continúa a súa andadura na rúa da Calderería e no Preguntorio -este percorrido permite desfrutar da grandeza da Facultade de Historia e da Igrexa da Compañía- desembocando na Praza de Cervantes, ó Cantón e a Igrexa de San Benito. Este percorrido remata subindo pola Algalia de Arriba que conduce a outra porta da cidade, Porta da Peña. Dende alí, é posible achegarse o convento de Santa Clara.
FACULTADE DE HISTORIA
A obra construíuse entre 1769 e 1805 segundo os plano de Melchor de Prado, modificados por Ventura Rodríguez. Destaca a sala do Paraninfo co teito decorado con pinturas de Fenollera.
IGREXA DA "COMPAÑÍA"
Da iglesia destacan a importancia do seus retábulos, exemplo da fantasía barroca. En 1727 Simón Rodríguez entra en contacto cos xesuitas que lle encargarán as trazas do Retablo Maior da Igrexa e, anos máis tarde, os retábulos laterais. O Retábulo Maior trázase con forma de gruta acentuando a súa verticalidade. Ofrece tamén sensación de inestabilidade e incorpora o cilindro como elemento decorativo. Concentra nunha rúa central tódala escenografía situando unha poderosa imaxe da Virxe da Asunción. Corona o conxunto unha placa moi volada coa imaxe de Deos Pai.
CONVENTO DE SANTA CLARA
A fundación deste convento está atribuida a Dona Violante, esposa de Alfonso X o Sabio no ano 1260. Destaca no convento a fachada barroca trazada por Simón Rodríguez. A este mestre débeselle a introducción da decoración a base de placas pétreas, discos, recortes, que provocan efectos lumínicos. Destaca a súa labor neste convento no que está traballando xa dende 1719 platexando unha obra tremendamente innovadora e barroca. Presenta unha fachada telón que busca o valor decorativo da inestabilidad provocada polo emprego de cilindros que se proxectan cara a rúa. A inestabilidad acentúase ó concentra-los volumes e as masas na parte superior da fachada na que los efectos de luz e sombra son o máis interesante.
3.. PERCORRIDO POR SANTIAGO:
PORTA DO CAMIÑO
O camiño francés remataba en Santiago na Porta do Camiño. A vía de entrada á esta porta realízase pola rúa de San Pedro, que pasa primeiramente por Concheiros. Dende ela é posible achegarse ata o Parque de Santo Domingo de Bonaval. Unha vez na porta, o acceso á cidade iníciase a traverso da rúa das Casas Reais que da paso a Praza e Igrexa das Ánimas.
SANTO DOMINGO DE BONAVAL
O mosteiro é na actualidade a sede do Museo do Pobo Galego. O convento foi fundado polo propio Santo Domingo en 1220. A igrexa conserva unha fachada renacentista e un interior gótico composto de tres naves con cabeceira de triple ábsida na que destacan os vanos alancetados de estilo oxival.. No seu interior alberga o Panteón de Galegos Ilustres. A fachada do convento de estilo barroca débese a Domingo de Andrade. Os traballos deste arquitecto, financiados por Fray Antonio Monroy, no convento sitúanse arredor 1695 e serán de grande interese. Destaca a escada de tres viaxes que, en palabras de Bonet Correa, pretende crear confusión e amosa o gran coñecemento e dominio do autor do material, o granito.
O lado deste convento está o Museo de Arte Contemporánea de Álvaro Siza.
A rúa de Casas Reais é moi interesante podendo disfrutarse de fermosos edificios como por exemplo o Pazo de Fondevila, do século XVIII, obra de Clemente Fernández Sarela.
IGREXA DAS ÁNIMAS
Igrexa neoclásica realizada por Ventura Rodríguez. No frontón está labradas as ánimas do Purgatorio.
IGREXA DE SANTA MARÍA DO CAMIÑO
Reconstruída en 1770 por Ferro Caaveiro.
4.. PERCORRIDO POR SANTIAGO:
PRAZAS E RÚAS DE SANTIAGO
PLAZA DO TOURAL
É unha plaza típica, tránsito constante cara a Porta Faxeira, a Rúa Nova e Orfas-cunha fonte de pilón cadrado no medio con pilar rematado en xarrón. Dende a plaza pode accederse a Rúa do Vilar e a Rúa Nova que desembocan na catedral.
>PAZO DE BENDAÑA Sito nesta plaza atopamos o interesante pazo, obra tamén -como o pazo de Fondevila- de Clemente Fernández Sarela coñecido como Pazo de Bendaña. O edificio está coroado coa imaxe de Atlas sostendo o mundo. Este tipo de construccións terán un grande éxito no século XVIII gracias o auxe da fidalguía e o seu poder económico que vai a propicia- las construccións de casas solariegas e vivendas rurais e urbáns que presentan certo aire pacego. Na actualidade e sede da Fundación Granell.
RÚA NOVA E RÚA DO VILAR
Para achecarse á praza das Praterías da Catedral, é posible acceder a traverso de dúas rúas tradicionais de Santiago, a rúa Nova e a rúa do Vilar, ámbalas dúas con soportais e miradores. Na rúa do Vilar atopanse casas coma a "Casa do Deán" de Clemente Fernández Sarela ou o renacentista "Palacio de Monroy". Na rúa Nova destaca o "Pazo de Ramirás" de Ferro Caaveiro e a igrexa de "Santa María Salomé", templo románico do século XII cunha imaxinería gótica na portada. No interior destaca o valor artístico do retábulo de Miguel de Romay.
5.. PERCORRIDO POR SANTIAGO:
EXTERIORES DA CIDADE
COLEXIATA DE SANTA MARÍA A REAL DO SAR
O templo foi fundado no século XII como mosteiro de agustinos polo canónigo Munio Alfonso.A igrexa foi consagrada por Xelmírez en 1136 e confirmada por Alfonso VII ó ano seguinte. O templo actual corresponde á época do arzobispo Pedro Gudesteiz (1168-1172).
O seu interior é un dos exemplos máis fermosos de arquitectura románica do século XII. Presenta planta basilical de tres naves cubertas con bóveda de cañón, rematadas en ábsidas. Impresiona o desplome dos seus piares e muros polo desplome dos arcos e das bóvedas. O claustro románico é moi interesante conservándose o ala frontera á igrexa con nove arcos que presenta influencias da obra do mestre Mateo, sobre todo pola profusa molduración vexetal.
Fontes de información: Baldellou, A.; Arquitectura moderna en Galicia. Madrid, 1995. Bango Torviso, I.; Galicia románica. Vigo, 1987. Bonet Correa, A.; La arquitectura en Galicia en el siglo XVII. Madrid, 1966. Caamaño Martínez, J.; Contribución al estudio del gótico en Galicia. Valladolid, 1962. Castro, X.A.; Expresión Atlántica. Arte galega dos oitenta. Santiago, 1985. García Iglesias, J.M., López Vázquez, J.M., Valle Pérez, J.C.; Enciclopedia temática de Galicia. V, Arte. Barcelona, 1990. VV.AA.; Galicia Arte. Colección Galicia. Tomos IX-XVI. Hércules. A Coruña, 1993. VV.AA.; Historia del arte gallego. Madrid, 1982. VV.AA.; Catálogo Galicia Terra Única 1900-1990. Ferrol, Santiago, 1997. VV.AA.; Catálogo Galicia no Tempo. Santiago, 1991. VV.AA.; Arte Galega. Estado da Cuestión. Santiago, 1991. VV.AA.;"Arte" en Galicia 2002. Coruña, 2001, páx. 77-122.