Logo Gallaecia Interactiva

Cargando as fotografías...

Nome do elemento patrimonial: SAN PEDRO FIZ O DE HOSPITAL. O INCIO

Ano de creación: Cara ó 1190-91 restaurada en 1985-1988

Autores:

Ano de toma fotográfica: 2002

Información: INTRODUCCIÓN XERAL
   Na segunda metado do século XII a arquitectura románica alcanza en Galicia unha gran difusión. Tal cantidade de construccións responde a diversos estilos e tendencias pero o influxo maior ven da man da Catedral de Santiago aínda que non podemos olvidar a presencia do Císter. A disparidade constructiva é a nota dominante deste periodo tanto no que respecta as plantas, as cubertas ou a outras características.
   A temperá construcción de capelas poligonais nos extremos do deambulatorio da Catedral de Santiago servíu de exemplo para que algúns mestres trasladaran esta novedosa solución ó románico rural. Son, polo tanto, construccións excepcionais que presentan dúas variantes segundo a súa planta, semihexagonais e semidecagonais.

ASPECTOS ARTÍSTICOS
HOSPITAL DE SAN FIZ
    O edificio está vinculado, pola súa orixinal pertenza, á orde de San Xoán de Xerusalén.
    Declarada "Monumento histórico artístico", a igrexa é a única na súa tipoloxía presentando unha ábsida semihexagonal sendo, polo tanto, un edificio excepcional presentando certas particularidades entre as que destacan:
    1. A torre, separada da nave central.
    2. O material empregado, perpiaño de mármore da zona.
    3. A novedosa forma da ábsida.
    4. A infrecuente presencia dun pórtico.

DESCRIPCIÓN DO EDIFICIO:
CABECEIRA
    A ábsida componse dun tramo recto e unha cabeceira semihexagonal comunicándose coa nave mediante un arco de medio punto dobrado de sección rectangular. O menor álzase sobre columnas encastradas. Os capiteis teñen unha ornamentación estilizada, de dúas ordes de follas rematadas en pequenas bolas no esquerdo, e un sinxelo trenzado no dereito. A riqueza ornamental contrasta coa sobriedade do arco.
    A preferencia decorátiva decántase pola xeometría ou por motivos ornamentais estilizados que se manteñen nas demais columnas e capiteis da ábsida, tanto no arco faixón coma nas ventás e nas columnas que soportan os nervios de sección prismática que rematan na parte central do arco faixón sen recurrir á clave.
    A bóveda de tramo recto apúntase lixeiramente. O aparello das bóvedas e mármore coma os paramentos.
    As tres ventás da cabeceira teñen no interior e no exterior a mesma organización de arco de medio punto dobrado, moldurado, de media cana e descansando o arco menor en columnas esveltas. As bases presentan nos plintos diversos motivos xeométricos como fermosos e complexos trenzados. Os capiteis adoitan ter follas estilizadas con bolas ou entrelazos excepto a fiestra central onde un capitel está decorado con leóns e outro con aves.

NAVE
    Nos muros laterais da nave, levántanse un par de columnas en cada un que sosteñen as trabes da cuberta. Portas e ventás teñen arcos lisos.

EXTERIOR DO EDIFICIO
ÁBSIDA
    Na ábsida unhas semicolumnas pegadas dividen a cabeceira en tramos nos que se encaixan as ventás. A cornixa está decorada con canzorros de grande austeridade. Os muros laterais están percorridos por contrafortes e a decoración está en mans dos canzorros decorados cunha bola, rolos ou axedrezados.

CARA SUR
    Esta cuberta cun pórtico que se abre polo oeste cunha porta probablemente coetánea a igrexa. Ten dobre arquivolta con arco de medio punto sobre columnas acobadas, cunha organización e decoración que repite as fórmulas xa empregadas no resto do edificio. No tímpano, dentro dun círculo está a cruz de Malta.

FACHADA PRINCIPAL
   A fachada principal con contrafortes é monumental. Consta de cuadruple arquivolta semicircular con boceis e medias canas e grupos de catro boliñas e algún círculo. Cada unha das arquivoltas descansa sobre columnas acobadas, de fustes lisos e monolitos sobre bases de tipo ático con decoración xeométrica nos plintos. Os capiteis exhiben follas con bolas ou sinxelos trenzados. As xambas están aboceladas e o tímpano ten un escudo cunha cruz de Malta timbrada por coroa real. O máis interesante céntrase no amplo cigzag que enmarca a columnas e arquivoltas. A zona superior está decorada coa presencia dunha pequena ventá que no proxecto orixinal debería seres un rosetón.

TORRE
    A torre é de planta cadrada que reserva as pedras de cantería para os recantos e vans superiores, lixeiramente apuntados, nos que se colocan as campás. A torre pode datar do século XIII ou máis tarde e é unha edificación atípica o estaren separada.

Fontes de información: Yzquierdo Perrín, R., "Arte Medieval I". Galicia Arte. Tomo X. Hércules, Coruña, 1993 "Hospital, San Pedro Fiz". Gran Enciclopedia Galega.Guerra-Imprenta . Tomo XVII. Gijón, 1974, pág. 165 Cegarra, B.; "Guía e rutas da arte galega". Vigo 2000. "Galicia pueblo a pueblo". La Voz de Galicia, Coruña, 1993. Bango Torviso, I.; "Galicia románica". Vigo, 1987. García Iglesias, J.M., López Vázquez, J.M., Valle Pérez, J.C.; "Enciclopedia temática de Galicia". V, Arte. Barcelona, 1990. VV.AA.; "Historia del arte gallego". Madrid, 1982. VV.AA.; "Catálogo Galicia Terra Única 1900-1990". Ferrol, Santiago, 1997. VV.AA.; "Catálogo Galicia no Tempo". Santiago, 1991.