Cargando as fotografías...
Nome do elemento patrimonial: IGREXA DE SAN XOÁN DE PORTOMARÍN
Ano de creación: Finais do XII- Comenzos do S. XIII
Autores:
Ano de toma fotográfica: 2002
Información:
DESCRIPCIÓN XERAL
A pesares de ser declarada Conxunto Histórico- Artístico en 1946, a igrexa tivo que ser trasladada a un novo emplazamento xa que a vila de Portomarín foi anegada polo embalse Belesar construído en 1963.
Non existe documentación que trate o tema das datas e do autor do edificio pero a construcción da igrexa-fortaleza está moi ligada á obra do Mestre Mateo polo que as datas da construcción do edificio sitúanse a comenzos do século XIII pola súa decoración protogótica. Destaca a súa portada cun rosetón de grandes dimensións. Posee unha torre ameada que delata o carácter defensivo do edificio sendo importante a doble relación igrexa-fortaleza e a de monxe-cabaleiro xa que a fábrica foi erixida polos cabaleiros de San Xoán de Xerusalén.
ASPECTOS ARTÍSTICOS IGREXA
O interior do edificio é dunha gran sinxeleza que contrasta coa gran decoración exterior. De nave única e ábsida semicircular, o edificio posue unhas grandes e amplas proporcións así como un aspecto lixeiro e luminoso.
NAVES
Os paramentos da nave están cortados por unha serie de catro pilastras con columna adosada. As pilastras, que sosteñen os arcos faixóns apuntados da bóveda de cañón, posuen capiteis que reciben unha decoración moi simple. Consérvase un tamo de bóveda de crucería catripartita no espacio que pecha o testeiro.
Nos extremos do paramento oeste, dúas portas -a sur con tímpano pentagonal e mochetas en rolo e a Norte con tímpano circular e mochetas con cabezas- conducen a unhas escaleiras de caracol que levan o torreón dos extremos da fachada e permiten, o mesmo tempo, acceder á tribura superior que se abre á nave a través ventás de tipo completo que se verten ó interior en derrame o que permite e entrada de luz.
No exterior, a zona da nave reproduce a estructura interna e entre as pilastras téndense arcos de medio punto que serven para fortalecer á fábrica xa que a igrexa ten que soster o castelo que remata o edificio. Baixo os arcos, ábrense saeteiras que iluminan a nave. O muro limítase a ser un elemento de peche.
CABECEIRA
A sobria cabeceira segue as liñas da nave. O seu tramo rectangular está precedido por un arco triunfal de medio punto que se apoia en columnas adosadas e na unión do tramo recto co circular desplégase outro arco. A cuberta do tramo recto é con bóveda de cañón. O tramo semicircular cúbrese con bóveda de cuarto de esfera. Preside a ábsida un Cristo crucifixado. A iluminación ven da man das tres fiestras con arco de medio punto. O exterior da cabeceira delata o volume semicircular e os paramentos estan percorridos por semicolumnas adosadas.
BALDAQUINO
Sitos nos ángulos de confluencia dos muros laterais co paramento, leste levántanse dous baldaquinos que son un engadido á obra románica. Destaca o baldaquino da dereita con dosel piramidal. A parte interna adórnase con nervos cruceiros que rematan nunha clave. Esta bóveda está cuberta con decoración pictórica que trata o tema da Anunciación.
FACHADA PRINCIPAL
Un gran arco central de descarga de medio punto divide o edifico en dous espacios. O espacio externo ó arco caracterízase polos dous resaltes que se revelan coma as torres defensivas con ameado. O espacio interior estructúrase en dous niveis. Un nivel superior que acolle o gran rosetón calado de fermosa factura e a portada inferior. Ente ambos, un estreito tornachuvias de arquiños con diferentes motivos xeométricos.
A portada abovedada consta de tres arquivoltas que se apoian en tres pares de columnas lisas de fustes monolíticos con capiteis con motivos florais. A arquivolta superior recibe decoración composta dun groso bocel ó que se superpón un festón de arquiños de ferradura e a chambrana que rodea a arquivolta recibe decoración de piñas. A arquivolta do medio decórase con follas de gran desenrolo e a últina presenta os Vintecatro Anciáns de Apocalipse, tema iniciado en Galicia no Pórtico da Gloria. No tímpano figura Cristo en maxestado nunha mandorla en actitude de bendecir. As imaxes están bastante deterioradas pero é innegable a influencia do mestre Mateo.
PORTA NORTE
Portada que amosa a influencia do Pótico da Gloria. De triple arquivolta de arco de medio punto que se sosteñen en columnas acobadas con capiteis de gran riqueza ornamental. A arquivolta interior leva bocel entorchado cuberto con motivos florales. A arquivolta intermedia está formada por grandes follas que retorcen as puntas na parte superior que a fai pendurar sobre toda a arquivolta. A arquivolta exterior formada por arquiños de ferradura. No interior do tímpano preséntase a Anunciación.
PORTA SUR
Ten maior riqueza ornamental ca fachada Norte. Consta de portada con tres arquivoltas de medio punto que descansan en tres columnas acobadas con capiteis de fermosa decoración con motivos zoomórficos e vexetais. A arquivolta interior leva un groso bocel ó que se superpoñen flores. A arquivolta intermedia está formada por dous boceis xebrados por unha moldura con arquiños. A arquivolta exterior con festón con punta de diamante. O tímpano decorado no arco por unha escocia de bolas acolle a tres figuras que recibiron diferentes interpretacións. Sobre a portada, tornachuvias de arcos e encina unha fiestra.
No entorno do edificio pode apreciarse un fermoso conxunto monumental que pecha a plaza co cruceiro e o arco romano de Santiago, paso de peregrinación.
Fontes de información: "Oia". Gran Enciclopedia Galega. Obre-Pañán. Tomo XXII. Gijón, 1974, pág. 22 Yzquierdo Perrín, R., Manso Porto, C.;"Arte Medieval II". Galicia Arte. Tomo XI. Hércules, Coruña, 1993 Ocaña Eiroa, F.X.; "San Xoán de Portomarín". Monografías do patrimonio galego. 3 Coruña, 1987 Cegarra, B.; "Guía e rutas da arte galega". Vigo 2000. "Galicia pueblo a pueblo". La Voz de Galicia, Coruña, 1993. Bango Torviso, I.; "Galicia románica". Vigo, 1987. García Iglesias, J.M., López Vázquez, J.M., Valle Pérez, J.C.; "Enciclopedia temática de Galicia". V, Arte. Barcelona, 1990. VV.AA.; "Historia del arte gallego". Madrid, 1982. VV.AA.; "Catálogo Galicia Terra Única 1900-1990". Ferrol, Santiago, 1997. VV.AA.; "Catálogo Galicia no Tempo". Santiago, 1991. Torres Luna, M.P.; “Los caminos de Santiago y la geografía de Galicia”. Coruña, 1995. Pombo, A. “Guía préctica do camiño francés”. Rotas Xacobeas. Madrid, 1997.