Logo Gallaecia Interactiva

Cargando as fotografías...

Nome do elemento patrimonial: MOSTEIRO DE SANTA MARÍA DE SOBRADO DOS MONXES

Ano de creación: Século XVII (XVII-XVIII)

Autores: Igrexa:Pedro de Monteagudo

Ano de toma fotográfica: 2001

Información: DESCRIPCIÓN XERAL
ASPECTOS HISTÓRICOS
    Mosteiro fundado en 952 mediante un privilexio fundacional que foi otorgado polos condes Don Hermenegildo e dona Paterna a favor do primeiro abade, Sentanario, que vivía no monte Bocelo en compaña doutros eremitas. Por decisión dos propios fundadores de levar unha vida retirada e monástica, o cenobio pasou a mosterio dúplice vinculado á familia fundadora ata que Fernando I decidíu a súa doazón ó cabaleiro Don Froilán Díaz que foi desprendéndose e beneficiándose dos bens do mosteiro, vendas que continuaron co tempo ata o punto que os monxes tiveron que abandona-lo mosteiro.
    Máis tarde, durante o reinado de Alfonso VII houbo intentos de recupera-lo mosteiro e a vida monacal para o que se contou coa axuda de Bernardo de Claraval que instalou a orde do Císter no mosteiro. O seu primeiro abade sería o monxe Pedro que é o que figura na escritura da nova fundación outorgada en 1142. Esta nova fundación xerou a necesidade de contar cun novo templo que harmonizara coa austeridade do Císter. Esta importante tarefa sería encomendada o monxe Alberto. No ano 1168 xa comenzaran as obras da igrexa e en 1213, a igrexa e gran parte do mosteiro estaban prácticamente rematados. Na actualidade, poucoi se conserva desta primitiva obra a non seres polos vestixios da Capela da Magdalena, polas columnas da Sala Capitular ou por algúns capiteis do claustro.
    O prestixio do mosteiro foi ampliándose como consecuencia da sucesiva concesión de privilexios e donación de bens, tanto reais como de señores de Galicia ata o punto de exerce-la xurisdicción sobre tódolo territorio de Présaras e parte das terras doutros condados.
    Nos tempos dos Reis Católicos, o mosteiro pasou a formar parte da Congregación Reformada do Císter. Esto supuso unha época de enorme importancia co aumento de monxes pero sobre todo coa acometida de reformas, tanto na igrexa coma no mosteiro. A súa influencia foi fundamental tendo en conta que controlaba cincuenta prioratos tanto en Galicia coma en Portugal.
   A ruína do mosteiro chegou primeiro coa exclaustración e máis tarde co robo, o expolio e o abandono. O final deste proceso chegou no ano 1953 cando o pai Antonio Fernández Cid recibíu o encargo de xestionar a restauración do derrubado mosteiro.

ASPECTOS ARTÍSTICOS
    No mosteiro, como sinalamos anteriormente, apenas quedan restos das cosntruccioóns primitivas acometidas durante o século XII-XIII pero o barroco luces neste conxunto co seu máximo esplendor. Tanto no mosteiro como nas capelas do templo é posible adiviña-la presencia de distintos mestres que deixaron proba do seu bo facer no conxunto.

IGREXA
    A igrexa esta considerada coma unha obra de Pedro Monteagudo que rematou a fachada no ano 1676. A Capela do Rosario atribuída a Domingo de Andrade foi erixida, segundo uns autores, no ano 1670 aínda que outros estudiosos apuntan a data de 1673. A igrexa presenta unha nave ampla, con planta de cruz latina con tres naves no brazo longo e unha no cruceiro. Cabecera central con amplio presbiterio e dous capelas laterais. Á dereita a do Rosario e a esquerda a da sacristía. As naves están divididas mediante pilastras compostas que permiten invivisualiza-la nave central, de maior altura e dimensión que as laterais. A bóveda que cubre este espacio principal está moi ornamentada. Sustentada mediante arcos faxóns, estructúrase en tramos iluminados mediante lunetos e vanos circulares en cada un dos tramos o que ofrece luminosidade á fábrica. Baixo as bóvedas, dase paso a un entablamento corrido cun friso de modillóns. O cruceiro está coroado cunha cúpila ochavada ornamentada con decoración vexetal e sostida medinate pechinas decoradas con escudos.

CAPELA DO ROSARIO
    O conxunto está ricamente ornamentado respondendo os gustos do barroco, cunha portada fantástica.

CAPELA DE SAN XOÁN
    Esta capela, coñecida tamén como capela da Magdalena, é un dos vestixios da construcción orixinal e presenta un estilo gótico cisterciense. A este mesmo estilo pertence a Sala Capitular que recorda a outras salas capitulares doutros mosteiros do Císter e que Hipólito de Sa Bravo compara coa sala do Mosteiro de La Oliva en Navarra.

SACRISTÍA
    A sacristía está atribuida a Juan de Herrera. Considerada unha obra mestra dentro do estilo renacentista foi construida entre 1569 e 1572. De planta rectangular, presenta unha cuberta de cúpula esférica con decoración de casetóns sustentada mediante trompas que sumulan formas de cunchas de vieira. Nos ángulos, imaxes en pedra de catro santos que segundo uns autores serían os catro doutores da igrexa e segundo outros, os catro doutores marianos benedictinos. O conxunto complétase cos medallóns da parte superior das portas e fiestras, bustos de Moisés e Aarón así como San Pedro, San Pablo e outros personaxes bíblicos.

CORO DA CAPELA MAIOR
    O coro, ubicado na Capela Maior, pertenceu a catedral de Santiago de Compostela e foi cedido en réxime de depósito. É obra de Juan Dávila e Gregorio Español realizada por orde do cabildo catedralicio en 1559.

FACHADA
    A fachada monumental ofrece unha gran sensación de verticalidade. Flanqueada por dúas torres, ten o seu antecedente na fachada dos mosteiros de Oseira e Monfero. A rúa central, máis ancha, reproduce as dimensións da nave e organízase en dous corpos superpostos. Un primeiro corpo coa porta adientelada. Sobre ela sitúase unha fornalla de medio punto que acolle a imaxe da Virxe acompañada. Enmarcan a fornalla un doble par de columnas salomónicas que se sustentan mediante ménsulas e que se coroan mediante un frontón triangular partido. Este primeiro corpo encuadrase entre dous pares de columnas corintias, de canon alongado, coroadas tamén cun frontón partido conseguindo ennoblecer este primeiro corpo con muros animados mediante un almohadillado e con columnas traballadas cunha decoración moi menuda que da idea do "horror vacui" da arte barroca. O segundo corpo deste tramo cental presenta unha fiestra que permite a entrada de luz para o coro alto. Sobre a fiestra loce o escudo de España. Este segundo corpo articúlase entre dúas columnas de orde composta e fuste estriado coroadas cun frontón curvo. O primeiro corpo cuadrangular das torres ten os muros con almohadillado e destaca a presencia dunha fiestra que altera a monotonía dos muros. Continúan dous corpos decrecentes, o inferior de planta cuadrangular cos ángulos cortados en chaflán e o corpo superior de planta octogonal con todas as caras abertas mediante arcos de medio punto. Remántanse cun elevado tambor e un cupulín que amosan, segundo Mª del Carmen Folgar, o coñecemento que Monteagudo tiña da "Torre do Reloxio" da catedral de Santiago.

CLAUSTROS
    Os claustros están situados, como é habitual, na cara Sur da igrexa. O Claustro Procesional é o central incluindo a Sala Capitular. Este claustro, iniciado en 1560 coñécese polo nome de "Claustro das Caras" debido os medallóns situados nos dinteis das fiestras. Presenta planta rectangular con dous corpos, o inferior con arcos de medio punto flanqueados por pilastras toscanas e o corpo superior con medallóns con bustos en altorelevo. O claustro máis grande está agregado á fachada oriental do mosteiro. Finalmente, o claustro da hospedería, os pes da igrexa, que comunica coa portería e as dependencias destinadas, antigamente, ás cabalerías. Deste claustro parte a escaleira principal que cominica coas plantas superiores e galerías do mosteiro onde se atopa o arquivo e a biblioteca.

Fontes de información: De Sa Bravo, H.;"Monasterios de Galicia". León, 1990, páx. 121 VV.AA.; "Sobrado" en Gran Enciclopedia Galega. T. XXVIII. Vitoria, 1974, páx.191