Logo Gallaecia Interactiva

Cargando as fotografías...

Nome do elemento patrimonial: COLEXIO DO CARDENAL DE MONFORTE DE LEMOS

Ano de creación: 1591

Autores: André Ruiz e Andrés Vermudo

Ano de toma fotográfica: 2002

Información: DESCRIPCIÓN XERAL
    Dende finais do século XVI cada vez máis, a beleza do edificio residirá na armonía, na austeridade e na sobriedade inspirada dende Trento e o Escorial. Acentúase o emprego das ordes clásicas e a imitación das obras italianas que se coñecen a través de tratados.
    O carácter culto e humanista do cardeal Don Rodrigo de Castro, ademáis do seu gusto polo mundo clásico e a cultura italiana, propiciaron a introducción en Galicia dun verdadeiro clasicismo. O seu desexo de fundar un colexio será a excusa a chegada de importantes artistas que traerán consigo o estilo herreriano.

ASPECTOS ARTÍSTICOS
COLEXIO DO CARDENAL DE MONFORTE DE LEMOS
    Fundado en 1591, foi deseñado polos xesuitas André Ruiz e Andrés Vermudo e contará coa presencia de Juan de Tolosa, vinculado persoalmente con Pedro de Tolosa, aparellador do Escorial. O máis destacable do edificio é a presencia dunha verdadera cúpula na igrexa, pouco frecuente na arquitectura española. O conxunto consta de igrexa que ocupa o espacio central e dúas ás laterais cos seus respectivos patios, un a cada lado do templo.

IGREXA
    O templo é de planta rectangular cunha nave central de grandes dimensións e catro capelas a cada lado que funcionan como naves laterais. Na cabeceira un interesante retablo de Francisco de Moure. O alzado dos paramentos adórnase con pilastras estriadas coríntias, friso decorado con greca e cornixa volada.
    A cuberta é con bóveda de cañón e cúpula no crucero. A cúpula, de influencia italiana voltéase sobre as pechinas nas que se atopan, sobre ménsulas, un anxo portando escudos. Por enrriba do anel álzase o tambor con oito fiestras de medio punto, a media laranxa, o cupulín e o remate.

FACHADA
    Fachada de estilo italiano. O primeiro corpo almohadillado da paso a un segundo corpo. A portada flanqueada por catro columnas dóricas semientregas, dúas a cada lado, con dous nichos vacíos nos intercolumnios e ornamentación de triglifos e metopas.
    Sobre a cornixa da porta, catro pináculos adosados. Nos corpos laterais, ollos de buei e unha fiestra rectangular. O segundo piso, de orde xónica amosa o escudo cardenalicio e enriba unha fiestra. Nos intercolumnios, paramentos lisos afundidos e os lados ollos de buei. Sobre os estremos dos aletóns eríxese unha pirámide con bola. Remata a portada un frontón recto partido coroado por seis acróteras e unha peineta.
    As dúas ás da fachada son de gran sobriedade con muros lisos. Están formados por tres plantas, as dúas primeiras separadas por imposta e a terceira con galería de arcos de medio separadas por pilastras dóricas.

CLAUSTRO CLASICISTA
    Un dos claustros é obra de Simón de Monasterio. De dous corpos, ambos decorados con pilastras encaixadas de orde dórica . O primeiro corpo con arcos de medio punto e o segundo con fiestras rectangulares e óculo. As galerías claustrales están cubertas na planta baixa con bóvedas de arista e decoración de recadros marcando os distintos tramos e unha cruz na clave do arco.

Fontes de información: "Monforte de Lemos". Gran Enciclopedia Galega. Mella-Moura. Tomo XXI. Gijón, 1974, pág. 160. Vila Jato, Mª D., García Iglesias, J.M.; "Galicia na época do Renacemento". Tomo XII. Coruña, 93. Cegarra, B.; "Guía e rutas da arte galega". Vigo 2000. "Galicia pueblo a pueblo". La Voz de Galicia, Coruña, 1993. VV.AA.; "Historia del arte gallego". Madrid, 1982. VV.AA.; "Catálogo Galicia no Tempo". Santiago, 1991.