Logo Gallaecia Interactiva

Cargando as fotografías...

Nome do elemento patrimonial: IGREXA DE SAN SALVADOR DE VILAR DE DONAS

Ano de creación: Mediados do século XII-1224.

Autores:

Ano de toma fotográfica: 2002

Información: DESCRIPCIÓN XERAL
    Declarado monumento histórico artístico dende 1931, a igrexa formou parte do antigo priorato santiaguista de San Salvador de Vilar de Donas. A fundación do mosteiro debeuse a Arias Pérez de Monterroso e a súa esposa. Descoñécese a data precisa que se sitúa cara a mediados do século XII. A finais do século o deán de Lugo, Xoán Arias doa o mosteiro familiar á orde de Santiago nunha data tamén imprecisa aínda que se admite a de 1194. Nos séculos seguintes Vilar de Donas recibíu donazóns e privilexios, pero pouco a pouco caeu en decadencia e en 1826 Vilar de Donas era un priorato de San Marcos de León. Coa desamortización, a orde santiaguista abandonou o mosteiro e as leis republicanas, que suprimiron a orde, provocaron que Vilar de Donas pasara de ser un gran mosteiro a unha simple parroquia.

IGREXA
    A igrexa presenta unha planta cruciforme con cabeceira tripartita. A construcción do edificio realizouse en diferentes fases que se aprecian na actualidade.
   1º Fase: Construcción da cabeceira e o cruceiro.

    >CABECEIRA
A tarefa constructiva centrouse sobre todo a capela maior enmarcada mediante un arco triunfal triple. Só o arco do medio recibe decoración. Os arcos descansan en columnas encastradas con bases que teñen os plintos decorados con motivos variados. Destaca, nun plinto, unha pequena árbore con tres pólas sométricas a cada lado e noutro plinto, a decoración é a base de rosetas e unha rosa de raios curvos. É interesante sinalar a calidade excepcional da labra.
Os capiteis do arco triunfal da capela maior están decorados con follas estilizadas e nos cimacios tamén predomina a decoración vexetal. No interior da ábsida preséntanse tres ventás estilizadas nas que se ven liñas en cigzag ó lado dos boceis sogueados, xadrezados e formas vexetais. A cuberta é con bóveda cuarto de naranxa.
As capelas laterais son iguais entre sí e teñen un curto tramo recto. Ámbas ábrense ó cruceiro mediante un arco de medio punto moldurado. Os capiteis, nos que cargan o menor dos arcos, repiten a decoración de follas excepto un deles con decoración de entrelazo formado por cinta perlada. Os cimacios tamén presentan decoración de bolas excepto o cimacio do capitel de entrelazo que volve a diferenciarse cunha figuración de tres aves atacadas por serpes. A bóveda e a ventá entral completan as capelas.
Son interesantes as pinturas góticas da capela maior así coma o baldaquino do brazo Norte.

    >CRUCEIRO
O cruceiro está cuberto cunha bóveda de cañón, excepto no tramo central que a fai con bóveda de crucería cuatripartita. Os nervios aséntanse entre os arcos que delimitan este tramo. No centro preséntase un cuadrifolio xeometrizado. Os arcos son triples, de sección rectangular apoiándose o menor en columnas encastradas.
A bóveda de cañón apoiase nunha liña de imposta de billetes e a diferencia de material entre os brazos norte e sur ven determinada polo deterioro que sufríu o edificio na cara Norte o se afundir a bóveda de cañón e sufrir unha reparación.

    2º Fase: Esta segunda fase constructiva abordouse arredor do 1225-1230 levantándose a nave.

    >NAVE
A nave únese ó cruceiro mediante un arco de medio punto dobrado. As columnas do arco menor álzanse sobre bases áticas con decoración no plinto e toro. Presentan un capital de follas e outro de entrelazo.
Os muros laterais desenvoltan un alto zócalo limitado por imposta de billetes sobre a que se abren grandes ventás con arcos de medio punto con vertente cara o interior o que propicia unha maior valoración da luz.

    >EXTERIOR DA IGREXA
Na cabeceira destaca a rotundidade dos volumes. A ábsida central está percorrida por controfortes prismáticos. Os canzorros, case todos se cortan en proa ou algúns en caveto.
No muro oeste ábrense unhas portas. Os linteis teñen os lados labrados. No lintel da porta sur pode lerse unha inscripción:ERA ICCLXII ET QUODUM IBIDUS OCTOBRIS, 15 de Octubre de 1224, data na que se sitúa a primeira fase constructiva.

    3º Fase: Construcción da portada principal

    >PORTADA
A datación da portada pode estar sobre o 1230 xa que algúns dos seus capiteis coinciden cos capiteis máis antigos do Pórtico do Paraíso da Catedral de Ourense.
A portada enmarcada por contrafortes e un beirado de canzorros que sosteñen arquiños, presenta arquivoltas decoradas con cigzags e decoracións vexetais. Sobre a cornixa que pecha a fachada eríxense na actualidade tres imaxes, unha Virxe entronizada con neno que é gótica, un san Bartolomeu e un San Miguel.

    >PÓRTICO O portico albergaba a portada e pode ser da mesma época conservándose parte das arcadas lixeiramente apuntadas.

Fontes de información: Yzquierdo Perrín, R., "Arte Medieval I". Galicia Arte. Tomo X. Hércules, Coruña, 1993 Cegarra, B.; "Guía e rutas da arte galega". Vigo 2000. "Galicia pueblo a pueblo". La Voz de Galicia, Coruña, 1993. Bango Torviso, I.; "Galicia románica". Vigo, 1987. VV.AA.; "Historia del arte gallego". Madrid, 1982. VV.AA.; "Catálogo Galicia Terra Única 1900-1990". Ferrol, Santiago, 1997. VV.AA.; "Catálogo Galicia no Tempo". Santiago, 1991. Torres Luna, M.P.; “Los caminos de Santiago y la geografía de Galicia”. Coruña, 1995. Pombo, A. “Guía préctica do camiño francés”. Rotas Xacobeas. Madrid, 1997.