Cargando as fotografías...
Nome do elemento patrimonial: CATEDRAL DE MONDOÑEDO
Ano de creación: Século XIII
Autores: Anónimos
Ano de toma fotográfica: 2001
Información:
DESCRIPCIÓN XERAL
A Catedral de Mondoñedo foi declarada Monumento Nacional en 1902 e a cidade de Mondoñedo Conxunto Histórico artístico en 1985.
CATEDRAL DE MONDOÑEDO
ASPECTOS HISTÓRICOS
A sede episcopal de Mondoñedo tivo, durante a Idade Media diferentes ubicacións. Dende a segunda metade do século IX ata 1117 estivo establecida en San Martín de Mondoñedo onde na actualidase se conserva a antiga catedral de San Martín, unha interesante igrexa románica da cal herdará a nova catedral o seu nome. Por decisión real, decídese nese ano o traslado do obispo a Villamayor -actual Mondoñedo- pero máis tarde, en 1182, Fernando II traslada ó obispo a Ribadeo. Finalmente, e tras estas vicisitudes, a capital diocesana retorna a Villamayor a comenzos do século XIII pasando a ser coñecido como Mondoñedo. Dende 1959 Mondoñedo comparte con Ferrol a capitalidade da diócesis titulándose "Mindoniense Ferrolensis" por decisión de Xoán XXIII.
ASPECTOS ARTÍSTICOS
No artístico, a primeira metade do século XIII é unha época de transición e caracterízase pola pervivencia de modelo románicos en convivencia con novas fórmulas góticas.
Como consecuencia da accidentada historia da catedral, a construcción da mesma realízase nunha data máis antiga que o resto de catedrais de Galicia. O modelo estructural que seguíu a catedral está tomado da catedral francesa de Languedoc onde a austeridade decorativa cisterciense combinábase con plantas e estructuras románicas.
O edificio foi construido durante a época do obispo Martín entre 1219 a 1248. A data de consagración é de 1246 aínda que certos autores defenden a teoría da consagración en 1248.
A planta basilical da catedral -que na actualidade está moi alterada- constaba de tres capelas semicirculares na cabeceira que se abrían a un cruceiro desde o que se accedía o brazo principal de tres naves estructuradas en catro tramos. No flanco Sur estaba adosado o claustro con capelas que más tarde sería sustutuido polo claustro obra de Diego Ibáñez entre 1636 e 1641.
A igrexa sufríu modificacións ó longo do tempo. Posiblemente a máis importante foi a modificación levada a cabo en 1598 na que o mestre Pedro de Marlote deseñou unha xirola cuadrangular con capelas o que obrigou a tirar as ábsidas laterais baixo a advocación do apóstolo Santiago e de San Martín. Durante o episcopado de Don Francisco Cuadrillero entre 1781 e 1797 prolongáronse os brazos do cruceiro destacando en planta. Os elementos arquitectónicos empregados para estas reformas foron respetuosos co estilo medieval da planta primitiva.
FASES CONSTRUCTIVAS
CABECEIRA E TRANSEPTO
A construcción inicial comenzou pola cabeceira da que só se conserva como sabemos a Capela Maior. O retábulo maior é barroco, do século XVIII que sustitúe a un retábulo de alabastro do século XV. A ábsida cúbrese cunha bóveda nervada mentras que no presbiterio a cubrición realízase mediante unha bóveda sexpartita.As finas columnas, situadas no interior da capela e nos codillos dos piares, cumplen a función de soporte dos nervos da bóveda de cubrición.
Existe unha relación entre a catedral de Lugo e a de Mondoñedo, tanto na colocación de columnas acodilladas nos piares para soportar os nervos -que en Lugo se emprega nas naves da catedral- coma nos capiteis da capela maior e do tramo primitivo do cruceiro con decoración historiada. A identificación de temas non é doada pola pedra empregada ademáis da pouca finura na labra, pero pódense adiviñar esceas do Antigo Testamento e da Vida de Cristo. Nos arcos da xirola, os capiteis están decorados con formas vexetais que remiten a igrexa de Santa María de Meira, unha igrexa cisterciense e que delata os traballos dun novo taller de artistas.
A xirola de planta cadrada é obra de Pedro Marlote. Comenzou a erixirse a fins do século XVI imitando as coetáneas das catedrais de Sevilla e Salamanca. A cuberta é de bóveda de crucería. Como consecuencia da súa construcción desapareceron as ábsidas laterais e ocultouse a cara externa da ábsida central.
NAVES
A cuberta das tres naves realízase mediante bóvedas de crucería cuatripartita que se sosteñen mediante piares con banco no zócolo. Os arcos, de sección rectangular, amosan certa tendencia a apuntarse. Sobre os arcos de división das naves, existen uns estreitos ocos a modo de triforio que xeneran unha galería do mesmo ancho que a nave inferior. Esta galería está estructurada en tramos separados por arbotantes e é o único caso en España deste tipo de arcos baixo cuberta.
As columnas que soportaban os arcos faxóns da nave, orixinariamente, non chegaban ó chan e finalizaban en ménsulas ata a restauración que as prolongou ata o arranque das demais columnas. Os capiteis seguen os modelos impostos polos novos mestres procedentes de Meira pero a combinación destes capiteis vexetis con algúns figurados indica a coexistencia dos mestres do taller de Meira cos mestres lucenses que traballaron na Capela Maior.
A iluminación da nave realízase mediante ventanas abocinadas, tanto nos muros coma nas bóvedas das naves laterais. No testero occidental colocouse o gran rosetón.
O coro de madeira de nogal estivo situado ata 1965 nos primeiros tramos da nave maior. A sillería é de 1530-1540 e presentan unha interesante ornamentación.
PINTURAS
No interior da catedral destacan unhas pinturas situadas baixo as caixas dos óganos. Son pinturas de estilo hispanoflamenco de mediados do século XVI e consideradas obra do Mestre de San Martín de Mondoñedo. Representan, no lado da Epístola, a Matanza dos Inocentes e no lado do Evanxelio, Esceas da vida e martirio de San Pedro.
FACHADA NORTE
A portada esta composta por dous corpos. O primeiro cunha arquivolta decorada con tres roscas sustentada por tres pares de columnas. As interiores son estatuas columna, as do medio con fustes helecoidais coa representación da imaxe dun anxo e as dos extremos están recompostas.No tímpano a Virxe sentada sostendo a Cristo no seu regazo acompañada da Magdalena, San Xoán, Santiago, san pedro e San Martiño. O segundo corpo é unha obra do século XVI. No alto do hastial, unha gran rosca de tracería gótica.
FACHADA PRINCIPAL
A fachada occidental está moi alterada debido as reformas sufridas en 1546 e no século XVIII, durante o obispado de Muñoz y Salcedo, sobrevivindo pouco da primitiva composición medieval xa que sobre a estructurta orixinal se impoñen engadidos barrocos como a torre dos extremos o coroamento e outros elementos.
A distribución está influida polo mosteiro cisterciense de Meira e a estructura interior de tres naves delátase no exterior mediante a compartimentación da fachada en tres tramos destacando o central pola colocación da porta e, sobre todo, do gran rosetón. Os tramos laterais organízanse baixo un arco oxival que acolle no centro do espacio a un van rectangular. Os vans serían remodelados no século XVIII presentando motivos decorativos barrocos e dous relevos con San Xerónimo e San Lorenzo.
A portada presenta arquivoltas de medio punto e tímpano liso soportado sobre xambas e decorado cunha Inmaculada do século XVII. As columnas posuen un canon alongado como consecuencia da anulación -no século XVI- da escaleira primitiva existente no interior da portada que comunicaba ésta coa nave. Os capiteis das columnas varían os temas, tres deles son vexetais mentras que os tres restantes son figurados con esceas como unha parella de sireas, o lavatorio de Cristo ós seus apóstoles e a loita dun dragón e dun león. O rosetón superior decorado con sobriedade no óculo que da paso a tracería que o adorna e remata nunha rosa. Os vidros do rosetón son de mediados do século XVI.
A ámbolos dous lados da fachada existían dúas sinxelas torres cilíndricas que foron recubertas polas actuais, do século XVIII. A da dereita co reloxio e a da esquerda conservando a primitiva escada de caracol. Ámbalas dúas torres teñen tres corpos e o superior remátase con cúpula.
SACRISTÍA
É unha obra do século XVI. Consta de tres tramos cubertos con bóveda estrelada. No frente posue un retábulo barroco do século XVIII.
CLAUSTRO
Non se coñece a configuración orixinal do claustro da catedral. As trazas do claustro actual corresponden a Diego Ibáñez Pacheco que o erixíu entre 1636 e 1641. É unha construcción de planta cadrada cun so nivel. Organízase mediante arcadas de medio punto rematadas en balaustre con bolas. As galerías interiores dividen os seus tramos mediante arcos faixóns e cúbrense con bóvedas de arista.
ENTORNO
O marco urbán da catedral de Mondoñedo é moi interesante e acentúa a monumentalidade da catedral. Dende a praza da catedral estructúrase o núcleo urbano medieval dda cidade mediante un trazado radial de rúas. A praza e a catedral transmiten unha profunda harmonía como resultado do paralelo desenvolvemento e das mesmas influencias que se foron intercambiando ó longo do tempo.
Fontes de información: Lampérez V., Soraluce Blond, J.R., Yzquierdo Perrín, R.; "La catedral de Mondoñedo". Coruña, 1995