Cargando as fotografías...
Nome do elemento patrimonial: O SAVIÑAO, SAN ESTEVO DE RIBAS DE MIÑO/SAN PAIO DE DIOMONDI
Ano de creación: San Estevo de finais S.XII San paio da segunda metade S. XII
Autores:
Ano de toma fotográfica: 2003
Información:
1. SAN ESTEVO DE RIBAS DE MIÑO
A igrexa pertenceu a un antigo mosteiro do que se teñen datos escasos. O terreo sobre o que se asenta é moi escaso polo que houbo que escavar na rocha para situa-la cabeceira e na zona oeste construir unha cripta para alzar sobre a mesma a fachada principal. A cripta consiste nunha bóveda de cañón, de perpiaños de granito pechada á fronte por un muro liso cunha porta no centro. O outro exemplo existente en Galicia para este tipo de obra é a cripta do Mestre Mateo na catedral de Santiago de Compostela. Esto indica a estreita relación entre arquitecto de San Estevo e o mestre Mateo.
ASPECTOS ARTÍSTICOS
INTERIOR
A planta é de nave e ábsida únicas. A nave divídese en catro tramos por arcos diafragmas apuntados que sosteñen o teito de madeira. As columnas embutidas nos muros sosteñen capiteis de follas que parecen segui-lo modelo dos capiteis de San Xoán de Portomarín. A mesma relación pode observarse nas ventás de Portomarín e as de San Estevo onde é evidente a influencia mateana.
A organización interior da portada é coma a de Portomarín. No medio ábrese a porta de acceso ó templo decorada con bocel. Nos laterais dúas pequenas portas con lintel pentagonal que conducen a unha escada de caracol que leva a un corredor diante do rosetón que ocupa a parte superior da fachada. As escadas continúan cara o tellado.
A relación da igrexa de Portomarín con este templo é evidente confirmando a relación do seu autor co de San Estevo.
A bóveda de cañón apuntado non se chegou a realizar aínda que se comezou o primeiro plano abandonándose para optar polo teito de madeira.
ÁBSIDA
A ábsida plantexa diferencias con respecto á de Portomarín. A separación entre a nave principal e a cabeceira realízase mediante un arco de medio punto que se sustenta en columnas. Estas teñen capiteis con decoracións de follas reviradas sobre si. Nos muros do presbiterio ábrense vanos con arcos decorados perfilados cun festón de arquiños. Sobre estos vanos, rosetóns decorados tamén con festón de arquiños.
A ábsida crúbrese con bóveda de crucería cuatripartita cos nervos moldurados con boceis e medias canas que morren en ménsulas ubicadas nas esquinas. A clave ten botón central.
Neste espacio sacro destacan as tres absidiolas semicirculares con boveda de forno practicadas no muro.
EXTERIOR
No exterior destaca a rotundidade dos volumes xeométricos claramente diferenciados. Os altos contrafortes da nave e o elevado do lugar realzan a elegancia do edificio. O beirado da ábsida organízase en canzorros sinxelos que soportan arcos de medio punto.
Na nave, os contrafortes danlle unha potente articulación á que se subordinan os demáis elementos. Debaixo dos arcos de medio punto resultantes da unión dos contrafortes ábrense ventás con motivos ornamentais de influencia mateana.
Na zona inferior da fachada colócase a portada. O seu lados dous arcos cegos perfilados con bocel con piñas. Estas arcos suxien a existencia de tres naves e é un motivo decorativo que se reproduce na fachada da igrexa de Diomondi.
As arquivoltas semicirculares da portada apoianse en columnas. Os fustes son lisos, de mármore e esta alternancia de mármore e granito empregouse en contadas ocasións como a Catedral de Santiago.
Os capiteis da portada de Santo Estevo decóranse con follas que reciben diferentes tratamentos pero en todos eles destaca a calidade plástica, a beleza do traballo escultórico. Só os capiteis da arquivolta inferior teñen decoración zoomórfica.
As arquivoltas molduranse con boceis, medias canas e escocias recubertas por múltiples motivos ornamentais. A maior presenta follas radiais grandes de extremos enrolados, ornamentación que non falta en ningún dos núcleos mateanos. A arquivolta seguinte esta sogueada. A tercera reitera as ovas e as frechas no bocel.
A arquivolta inferior supera ás outras e nela dispóñense sete figuras sentadas que evocan a disposición dos anciáns apocalípticos. O central porta un disco solar interpretado como unha roda de raios curvados.
As xambas reciben un tratamento único xa que se labran con bocel grande abrazado por arquiños de medio punto. O tímpano liso está sustentado por mochetas. A mocheta da esquerda decorada cun anxo sentado que xira a cabeza cara ó exterior e sostén coas mans un cartel. Na dereira colócase unha figura mostruosa.
Sobre a porta exténdese un tornachoivas de arquiños de medio punto sustentados por canzarros e cada un deles ornamentado cunha roseta cun botón central.
Na parte superior da fachada ábrese un rosetón que leva bolas na ampla escocia do óculo.
IMAXE DE MARÍA
Atopouse no adro en 1940 unha imaxe de María co neno e máis tarde as esculturas dos reis magos o que convirte a obra nunha Adoración dos Magos. Esta obra é extraordinaria e pénsase que non foi realizada na igrexa senón traida doutro lugar. Estas pezas xunto coa igrexa son datables en torno o 1200 data que confirma a proximidade da igrexa a mestres de filicación mateana.
2. SAN PAIO DE DIOMONDI
ASPECTOS HISTÓRICOS
A feligresía de san Paio de Diomondi tivo orixe monacal, como soe ser habitual nesa zona, pero a súa importancia deriva por estar vencellada á figura de San Pelaio -mártir galego martirizado en Córdoba no ano 925-.A igrexa de Diomondi está considerada unha das primeiras adicadas a advocación deste mártir en Galicia.
En Diomondi erixíuse a igrexa e o mosteiro en termos onde tiñan propiedades don Hermogio, tío do santo e os seus primos, Dona Senior e don Gudesteo. Esta fundación foi asegurada por Dona Senior como fundación piadosa e non patrimonial ó donalos á igrexa de Lugo. Este templo volve a ser doado, xunto co de San Esteban Ribas de Miño polo rei Alfonso VI en 1088 á igrexa de Lugo pero neste caso especificando a doazón da vila, a igrexa e o mosteiro.
Pouco se sabe da orixe do mosteiro aínda que cabe supoñer que Dona Senior tivo que se-la persoa que iniciou ou impulsou a vida monacal do que posteriormente será o mosteiro de San Pelaio. A vida monacal deste cenobio tivo que ser corta si atendemos ás probas documentais existentes.
ASPECTOS ARTÍSTICOS
INTERIOR
Do mosteiro só se conserva a igrexa de Diomondi que é na actualidade a igrexa parroquial.
A igrexa pode datarse na segunda metade do século XII xa que conserva unha inscripción na parte inferior do tímpano que sitúa a data de remate en 1170. Esta igrexa é moi similar á veciña de San Estevo aínda que as diferencias básanse nos motivos ornamentais dos capiteis e o rosetón de san Estevo que o delatan como un edificio máis tardío.
De planta rectangular dunha ampla nave e ábside semicircular. A nave divídese en cinco compartimentos mediante arcos apuntados que arrancan de semicolumnas adosadas ós muros. Nos compartimentos, ventás de arcos semicirculares sobre columnas acobadas nos entrantes dos muros. Baixo as fiestras unha imposta de billetes que divide os paramentos en dous alturas. No superior as fiestras e no inferior as portas e arcosolios existentes nas proximidades da porta principal.
A Capela Maior organízase en dous tramos, un rectangular delimitado por dous pares de columnas que sirven para sustentar os arcos faxóns de medio que sustenta a bóveda de cañón e un tramo semicircular con bóveda de cascarón. Os lenzos da ábsida están animados pola presencia de tres fiestras semicirculares que permiten a iluminación do interior -o vano central está flanqueado por columnas- e que descansan nunha imposta extendida polos muros. Unha liña de imposta superior marca o arranque da bóveda de cascarón. A capela Maior está individualizado da nave mediante un arco triunfal de medio punto de doble arquivolta que descansa en semicolumnas adosadas.
EXTERIOR
No exterior a ábside divídese en cinco tramos por dous pares de columnas adosadas con fiestras semicirculares nos tramos centrais tal e como se adiviñan no interior.Nos alzados laterais presenta os contrafortes unidos conformando arcos, con fiestras en cada un dos ocos dos arcos o que xera unha gran luminosidade interior. Conserva duas portadas con arquivoltas semicirculares destacando a fachada principal.
FACHADA PRINCIPAL
Catro pares de columnas que soportan as catro arquivoltas semicirculares. As columnas son de fuste liso e capiteis fermosamente tallados, son historiados con parellas de animais, centauros, figuras míticas e dúas representacións humanas. O tímpano liso non é o primitivo como tampouco o son as mochetas que o sosteñen. A ámbolos dous lados da portada, os arcos de descarga cos entrantes que seguen o mesmo deseño que os paramentos laterais e que tamén se repiten na fachada de San Estevo de Ribas de Miño.
Fontes de información: Bango Torviso, I.; "Galicia románica". Vigo, 1987. "Galicia pueblo a pueblo". La Voz de Galicia, Coruña, 1993. Sa Bravo, H.de.; "Monasterios de Galicia". León, 1990, páx. 86-93 VV.AA.; "Historia del arte gallego". Madrid, 1982. Yzquierdo Perrín, R., Manso Porto, C.;"Arte Medieval II". Galicia Arte. Tomo XI. Hércules, Coruña, 1993