Cargando as fotografías...
Nome do elemento patrimonial: MOSTEIRO DE SAN XULIÁN DE SAMOS
Ano de creación: Igrexa do século XVIII (1734-48)
Autores: Juán Vázquez
Ano de toma fotográfica: 2002
Información:
DESCRIPCIÓN XERAL
O mosteiro foi fundado por San Martiño Dumiense no século VI. É un dos mosteiros máis antigos e importantes de Galicia. Na súa dilatada história sufríu cambios e remodelación polo que a fábrica responde a estilos diversos que van dende o gótico tardío ata o barroco. É un edificio sólido, construído con manpostería de pizarra segundo a tradición da zona sendo só de pedra a fachada principal.
ASPECTOS ARTÍSTICOS
IGREXA
O templo é un edificio do século XVIII de estilo clasicista obra de Juan Vázquez. Sobrio de liñas, destaca a lixeireza e luminosidade do mesmo. Ten planta de cruz latina con tres naves, a central máis ancha e crucero con cúpula. O alzado das naves realízase mediante pilastras dóricas. Na zona superior da nave ábrese unha tribuna con arco de medio punto e varandas de ferro. A nave recibe unha cuberta de bóveda artesonada. O cruceiro cúbrese con cúpula gallonada con casetóns no intradós e as pechinas decoradas con relevos dos doctores benedictinos. O acceso ás naves laterais, separadas da central polos pilares, realízase a través de arcadas. Reciben unha cuberta de bóveda de arista.
FACHADA
Na igrexa destaca a fachada, o máis sobresainte da fábrica, aínda que no mosteiro podemos atopar outros estancias de gran interés. A fachada está estructurada coma un rectángulo dividido en dous corpos e tres rúas. O edificio remátase dunha forma plana, horizontal, sen frontón nin ningún tipo de escalonamento vertical. Ante a portada, unha escalinata que remite á escaleira do Obradoiro.
No corpo inferior, a porta de entrada está flanqueada por dous columnas pareadas de orden dórico a cada lado. Sobre a porta colócase unha fornalla cunha imaxe de San Bieito, obra de Ferreiro. Os lados, as pilastras adosadas sobresaen para destaca-lo corpo das torres acollendo entre elas a unha pequena fiestra rectangular e na zona superior, un van circular. No corpo superior, na parte central, o óculo é o protagonista absoluto enmarcado polas dúas columnas, e inmediatamente, as fornallas. Nas rúas laterais, sitúanse as torres, nunha posición máis retrasada que no corpo inferior, onde se poden adiviñar as campás a través dun van de medio punto nos seus tres frentes. A fachada remátase cun entablamento moi elaborado con coidada decoración
SACRISTÍA
Edificada durante o último cuarto do século XVIII e comenzos do XIX, a sacristía é de planta octogonal no seu interior e no exterior presenta unha disposición cadrada. Está cuberta cunha cúpula semiesférica. A bóbeda gallonada con casetóns descansa sobre un tambor. Decoran as pechinas da cúpula uns triángulos curvos de madeira con figuras en altorrelevos.
CLAUSTRO DE FEIXOO
O claustro foi iniciado a finais do século XVII é un exemplo de arquitectura clasicista. Destaca a sobriedade ornamental. De forma cadrada, distribúese en tres plantas en altura. Pilastras de orde dórica estructuran os tres corpos. Na planta inferior, entre as pilastras, presenta vans con arcos de medio punto que no corpo intermedio se ven sustituidos por un paramento liso no que se abren fiestras se marco sinxelo e, finalmente, no terceiro corpo, entre cada pilastra, dous arcos carpaneis sostidos por columnas xónicas rematan o conxunto do claustro.
CLAUSTRO DAS NEREIDAS
De planta cadrada, pertence o estilo gótico tardío e foi construído durante o século XVI por Pedro Rodríguez. No corredor, a bóveda de crucería estrelada consta de cinco claves de variada e moi interesante decoración. O patio estructúrase en tres corpos en altura sostidos mediante grosos contrafortes que, en altura, decrecen en volume.
O corpo inferior estructúrase mediante os contrafortes que acollen a arcos de diferentes amplitude respondendo á diferente lonxitude dos tramos da bóveda do corredor. Os arcos presentan tamén variacións na súa forma, dende oxivais ata semicirculares. Os dous corpos superiores foron reconstruidos por Juan Vázquez inspirándose no claustro de Feixoo. Catro arcos, un a cada lado do claustro, da acceso o xardín das Nereidas, famoso pola súa fonte.
Fontes de información: Bango Torviso, I.; "Galicia románica". Vigo, 1987. Bonet Correa, A.; "La arquitectura en Galicia en el siglo XVII". Madrid, 1966. Caamaño Martínez, J.; "Contribución al estudio del gótico en Galicia". Valladolid, 1962. "Samos, mosteiro". Gran Enciclopedia Galega. Rio-santa. Tomo XXVII. Gijón, 1974, pág. 183 Cegarra, B.; "Guía e rutas da arte galega". Vigo 2000. "Galicia pueblo a pueblo". La Voz de Galicia, Coruña, 1993. García Iglesias, J.M., López Vázquez, J.M., Valle Pérez, J.C.; "Enciclopedia temática de Galicia". V, Arte. Barcelona, 1990. VV.AA.; "Historia del arte gallego". Madrid, 1982. VV.AA.; "Catálogo Galicia Terra Única 1900-1990". Ferrol, Santiago, 1997. VV.AA.; "Catálogo Galicia no Tempo". Santiago, 1991. Torres Luna, M.P.; “Los caminos de Santiago y la geografía de Galicia”. Coruña, 1995. Pombo, A. “Guía préctica do camiño francés”. Rotas Xacobeas. Madrid, 1997.