Logo Gallaecia Interactiva

Cargando as fotografías...

Nome do elemento patrimonial: CONXUNTO HISTÓRICO DE COMBARRO

Ano de creación:

Autores:

Ano de toma fotográfica: 2001

Información: DESCRIPCIÓN XERAL
    A parroquia de San Roque de Combarro pertencente ó municipio de Poio. O conxunto está composto por cento cincuenta e tres edificios e este conxunto histórico-urbán foi declarado conxunto Artístico e Monumental en 1972.
    Combarro é o pobo mariñeiro máis destacado da ría de Pontevedra sendo un lugar de extraordinario interese pola conservación da arquitectura popular galega.
    A principal riqueza de Combarro foi a pesca aínda que existen outras causas que motivaron a prosperidade desta zona como a terra xa que a poboación complementaba as actividades pesqueiras coa agricultura. Esta prosperidade económica e a diversidade de actividades é importante para entende-la arquitectura do nucleo urbán no que podemos atopar casas de aspecto pacego que, en palabras de Xosé Filgueira Valverde, levan a impronta dos mestres canteiros que traballaban no mosteiro de Poio.

TEXIDO URBANO
    A conformación urbana de Combarro está moi ben organizada e articulada mediante estreitas e sinuosas rúas que discurren paralelas a liña da ribeira. Os caleixóns transversais rompen a continuidade e permiten achegarse ó mar.
    O nucleo ofrece un catálogo de arquitectura tradicional galega onde o granito é o material principal. Descúbrese dous tipos de tipoloxía de vivenda: as casas con patín e solaina e as casas con soportais aínda que todas elas son unha mostra da adaptación ó terreo e ás actividades labregas e pesqueiras. Como exemplo desto destaca a rúa principal na que é posible aprecia-la presencia de casas de dúas plantas con galerías de madeira no corpo superior, cuberta de tella a dúas augas e nalgúns casos, soportais no corpo inferior. A característica destas casas é que non só son de pedra as columnas dos soportais senón tamén as vigas perpendiculares da fachada sobre as que se apoian as galerías. Tódalas pezas, labradas e talladas correctamente preséntanse, coma os muros e demáis superficies, encaladas, o que lle da un aspecto inconfundible.

HÓRREOS
    Os hórreos, que se aliniñan na ribeira, son proba da actividade agrícola e convertéronse nunha seña de identidade de Combarro.
    De gran beleza e perfección, son totalmente de pedra, formados por pezas de perfecta labra e rematados xeralmente en ámbolos dous frontóns por cruces de granito. Poden atoparse ubicados sobre unha construcción de mampostería, de cuberta aterrazada que funciona como almacén de aveños de traballo.

Fontes de información: VV.AA.; "Combarro" en Gran Enciclopedia Galega. T. VII. Vitoria, 1974, páx. 12 FLORES, C.; "Arquitectura popular española". Bilbao, 1973, páx. 495-502 "Poio". Folleto turístico. Vigo, 1994