Cargando as fotografías...
Nome do elemento patrimonial: PANTÓN, MOSTEIRO DE EIRÉ/MOSTEIRO DE SANTA MARÍA DE FERREIRA
Ano de creación: Mosteiro do Eire do terceiro cuarto de século XII. Santa María do século XIII
Autores: Mosteiro do Eire do Mestre Pedro
Ano de toma fotográfica: 2003
Información:
1. SAN MIGUEL DE EIRÉ
DESCRIPCIÓN XERAL
A igrexa de San Miguel de Eiré presenta unha solución arquitectónica inusual o que a convirte nun edificio realmente excepcional.
Esta igrexa pertenceu a un mosteiro de monxas bieitas. A súa orixe soe ser fixada en torno ó século XII e a súa fundación atribúese a Escladia Ordóñez. Non son moitos os datos documentais sobre o mosteiro pero sábese que en 1480 a comunidade de relixiosas que o rexentaba foi trasladada a San Paio de Antealtares e as rendas do mesmo pasaron ó Hospital Real de Santiago. En 1890, a parroquia de San Miguel foi suprimida pasando a ter esta categoría san Xián de Eiré. En 1964 foi declarada Monumento Nacional.
ASPECTOS ARTÍSTICOS
INTERIOR IGREXA
A igrexa ten planta e ábsida única. A nave e moi curta e da paso a un espacio transversal que constitúe o cruceiro aínda que non sobresae ó exterior. Este espacio transversal é moi interesante tanto pola cuberta que posúe como pola torre que se alza sobre él. O presbiterio é un espacio amplo con cabeceira semicircular.Cada parte da igrexa ten a súa propia cuberta: nave con teito de madeira, cruceiro con bóveda oblonga con arestas nas esquinas -solución excepcional- e a ábsida con bóveda de cañón no tramo recto e de forno na cabeceira.
O teito de madeira sostense mediante uns canzorros que parten dos muros laterais. A nave recibe unha débil iluminación mediante unha saeteira situada nos muros norte e sur.
A bóveda oblonga soporta o peso da torre que vai sobre ela. Para iso, os muros do cruceiro están reforzados por contrafortes adornados con columnas que se cortan a media altura. O bisel resultante do corte decórase cunha roseta e cunha cabeza humana respectivamente. Os capiteis das columnas son extraordinarios e amosan unha decoración zoomórfica -tres feros leóns- nun caso e noutro un capitel de follas con cabezas barbadas. Sobre os capiteis das columnas levántase un arco de medio punto que contribúe a reforza-la torre.
O arco triunfal é un arco triple que da paso á cabeceira da igrexa. O arco maior presenta a aresta decorada cun groso bocel. O terceiro arco apoiase en columnas acobadas con capiteis decorados con piñas. O arco menor descansa en columnas encaixadas con capiteis de follas estilizadas e caladas que é algo característico do mestre de Eiré.
A bóveda de cañón deste tramo recto da cabeceira-con sendas fiestras a cada lado- remátase cun arco faixón que da paso á bóveda de forno da ábsida. Sustentado por columnas, os capiteis levan decoración vexetal. A ábsida semicircular está decorada con pinturas murales do ´seculo XVI na que destaca a figura do Pantocrator. Tres pequenas saeteiras iluminan este espacio. No interior da mesma, destaca un baixorrelevo que representa un cuadrúpe con rabo longo e orellas aguzadas que pode identificarse cun lobo.
Na zona occidental da igrexa, á altura do coro, ábrese unha porta baixo arco de medio punto liso que orixinariamente comunicaba á igrexa co mosteiro. A porta está flanqueada por dous arcos cegos similares as saeteiras da nave.
A ventá xeminada é do século X, anterior a propia igrexa, dun edificio do que non se teñen notocias.
EXTERIOR
Destacan os seus volumes e a torre que é algo excepcional no románico galego.
A ábsida semicircular destaca perfectamente no exterior xa que é máis baixa que o resto do conxunto. Está dividida en tramos mediante semicolumnas adosadas. A ábsida reforza o entroncamento co tramo recto mediante columnas encaixadas. Os capiteis destas columnas están tan traballados coma os do interior, son capiteis vexetais que case describen asas ou representan cabezas de serpe. A liña de imposta leva decoración de bolas espaciadas.O beirado da cabeceira decorase con canzorros típicos do autor con piñas, figuras, calados....Nun dos canzorros do sureste labrouse un epígrafe: "PETRUS FECIT" que corresponde o nome do mestre da igrexa.
As ventás, tanto do tramo recto como da propia ábsida non reciben decoración.Tan só a central, en arco de medio punto decorase cun bocel xadrezado que descansa en columnas con capiteis zoomorfos.
PORTADA NORTE
Constitue unha portada especial tendo en conta os elementos en ela traballados. Consta dun arco de medio punto. A aresta lábrase nun groso bocel con decoración de bolas espaciadas. Na rosca colócase en cada dovela unha roseta agás na central que se esculpe un Agnus Dei con cruz. A chambrana do arco está decorada con tacos de dameiro e un cigzag. O arco quere suxeri-la existencia dunha arquivolta e así o bocel está apoiado e columnas e as rosetas sobre as xambas. Os capiteis das columnas son de follas estilizadas. As xambas interiores están rematadas en ménsulas, a da esquerda formada por follas reviradas que no remate posuen unha cabezas humanas e a da dereira ornamentada con dous leóns alados con cabezas humanas. Os últimos estudios realizados por Delgado e López Pacho sinalan que nestas ménsulas están representados os evanxelistas, Lucas e Mateo e na ménsula da esquerda, Xoán e Marcos. Os catro evanxelistas xunto ó Agnus Dei conforman un tetramorfos. O tímpano amosa decoración de entrelazos cruciformes.
Os muros laterais da nave rematan cunha ampla colección de canzorros de gran variedade, de motivos xeométricos, vexetais, zoomorfos...
A fachada occidental é a máis austera de todo o edificio xa que comunicaba co mosteiro.Ten unha porta inferior a que sucede unha segunda porta cun simple lintel e coroando o conxunto, unha ventá con arco abocelado con chambrana axedrezada.
TORRE
As naves do edificio están delimitadas polos contrafortes situados nos dous extremos dos muros norte e sur. Unha ringleira de canzorros da nave -muros norte e sur -e do cruceiro -zona este- serve de asento a unha imposta que sinala o arranque da torre erixida sobre o cruceiro da igrexa. Sobre esa liña de impostas e as cubertas laterais levántase un zócolo limitado por unha nova imposta xadrezada. Nos muros da torre abrense ventás. As dos muros norte e sur teñen o arco e as xambas aboceladas. As fiestras do lado leste e oeste son xeminadas e os arcos descansan en columna destacando a central, máis grosa e serven de asento ós dous arcos. O achafranamento dos muros nas esquinas indica que existía o proxecto de elevar todavía máis a altura da torre. A cuberta da torre é un tellado de madeira cun alero moi saínte.
2. SANTA MARÍA DE FERREIRA DE PANTÓN
DESCRIPCIÓN XERAL
Mosteiro de monxas cistercienses, actualmente pertencente a Federación Cisterciense da Regular Observancia de San Bernardo de España.
A fundación do mosteiro está ligada á memoria da condesa dona Fronilda de Lemos aínda que ésta debeu ser nunhas datas anteriores, concretamente no século X no que a familia Lemos fundou o mosteiro, orixinariamente dúplice, onde tiña o seu señorío, na terra de Ferreira. O mosteiro de monxes e monxas era da orde de San Bieito. Máis tarde, no século XII, baixo a protección de dona Fronilda, o mosteiro pasou á agregarse á orde do Císter, concretamente en 1175. Dona Fronilda dotou ó mosteiro de rendas decidindo, ó final da súa vida, ingresar no mosteiro que se convertiría en refuxio de damas da alta nobleza onde levaban unha vida retirada, de feito, o mosteiro ten máis de convento de señoras que de cenobio xa que as celdas tiñan chemineas e cociñas onde traballaban as criadas.
A exclaustración obligou ás relixiosas a abandoa-lo mosteiro e a desamortización vendeu os bens monacais. Sen ambargo, as monxas retornaron ó mosteiro en 1858. En 1898 as relixiosas solicitaron a incorporación ós monxes cistercienses da estreita observancia a que seguen vencelladas na actualidade.
ASPECTOS ARTÍSTICOS
INTERIOR IGREXA
A igrexa é un edificio precioso, cuidado e ornamentado coma un xolleiro. Son excepcionais os canzorros e moitos dos seus motivos decorativos como os capiteis, tanto interiores como exteriores.
Presenta unha planta dunha soa nave e cabeceira en dous tramos, un recto e ábsida semicircular.
A cabeceira, do século XIII, foi orixinariamente un oratorio e está separada da nave principal mediante un arco de medio punto de triple arquivolta. O prismático e sinxelo arco menor da paso ós arcos decorados con bocel e remata o conxunto unha chambrana con xadrezado. Os arcos descansan sobre xambas e columnas acobadas, unidas ó muro do testeiro da nave. Os capiteis destas columnas son zoomorfos e de extraordinaria factura.
A nave cúbrese cun artesonado de madeira con entrelazo vexetal e mudexar e na zona superior dos muros ábrense fiestras en derrame para ilumina-lo interior.
A cabeceira estructúrase en dous tramos, un recto -con bóveda de cañón-onde se sitúan os sepulcros e a ábsida semicircular con bóveda de cascarón reforzada por dous nervos que converxen no centro do arco faixón que separa os dous tramos da cabeceira. Este arco faixón está sustentando mediante semicolumnas adosadas ós muros e decoradas con capiteis.
A ábsida presenta dous corpos individualizados mediante una liña de impostas que determina o espacio do zócalo -en tres tramos- frente ó nivel superior, estructurado tamén en tres panos como consecuencia das nervaduras que soportan á boveda de cascarón e que descansa na súa correspondente columna, tamén con capiteis fermosamente tallados, que se prolongan ó zócalo para dividido nas tres partes mencionadas con anterioridade. No nivel superior, nos intercolumnios, ábrense tres fiestras románicas completas. Son fiestras de óvalo lonxitudinal angosto e perfecto. Cada unha delas con arco de medio punto decorado con bocel sobre columnas acobadas e gran profusión ornamental tanto nos capiteis como nos ábacos.
EXTERIOR
Exteriormente a ábsida correspóndese coa configuración interior. Dous pares de columnas marcan os tramos nos que está dividida. Un tramo recto e as tres porcións semicirculares con fiestras de arquivoltas con columnas acobadas e capiteis como no interior. As grandes columnas divisorias apoianse en plintos prismáticos escalonados e éstas elévanse cara o beirado do tellado onde coinciden cos canzorros. As tallas dos capiteis son coidadas e variadas, animais con cornos, animais e nenos, aves enfrentadas...A historia que contan os canzorros de Ferreira de Pantón son un acertixo de criaturas: leóns, basiliscos, cervos, dragóns, cans, leopoardos, águias, xuglares. Esta complexidade ornamental tanto dos capiteis, dos canzorros, do arco de triunfo, da ábsida... revelan un gusto exquisito e un traballo complexo e determinan a presencia dun mestre alleo ós gustos e esixencias do císter.Os motivos ornamentais gardan un simbolismo teolóxico-moral que resulta moi interesante.
CLAUSTRO
O claustro é renacentista con columnas xónicas en el atópase o sepulcro de dona Fronilda.
Fontes de información: Bango Torviso, I.; "Galicia románica". Vigo, 1987. Cegarra, B.; "Guía e rutas da arte galega". Vigo 2000. Sa Bravo, H.de.; "Monasterios de Galicia". León, 1990, páx. 51-56. VV.AA.; "Historia del arte gallego". Madrid, 1982. "Galicia pueblo a pueblo". La Voz de Galicia, Coruña, 1993. Yzquierdo Perrín, R., "Arte Medieval I". Galicia Arte. Tomo X. Hércules, Coruña, 1993.