Cargando as fotografías...
Nome do elemento patrimonial: CATEDRAL DE TUI
Ano de creación: Incicio da construcción cara 1140 (S. XII, XIII, XIV, XV)
Autores: Anónimos
Ano de toma fotográfica: 2001
Información:
DESCRIPCIÓN XERAL
A catedral de Tui ten a súa orixe vinculada ó camiño de peregrinación a Compostela e a súa tipoloxía responde á das igrexas de peregrinación por posuir unha estructura axeitada para acolle-la gran afluencia de pelegríns. Sen embargo, no exterior, a catedral destaca polo seu carácter de templo-fortaleza, impresión acentuada pola articulación de torres e muros almenados.
ASPECTOS ARTÍSTICOS CATEDRAL
Presenta planta de cruz latina aÍínda que o seu brazo maior é tan corto que se aproxima a unha planta de cruz grega.O cruceiro presenta tres naves separadas mediante piares cruciformes con semicolumnas adosadas que sosteñen arcos faixóns. As naves laterais presentan un triforio e cúbrense con bóveda de arista mentras que a nave central leva cuberta de gótica. O brazo maior ten tres naves divididas en catro tramos. A nave central con cuberta de crucería con nervos e as laterais manteñen a bóveda de arista. A cabeceira románica desapareceu como consecuencia das reformas de 1499. O triforio rodea tódala igrexa. Os capiteis locen unha variada decoración, dende motivos zoomórficos e vexetais ata esceas da Anunciación, da Visitación...
ETAPAS CONSTRUCTIVAS
Existen dúbidas con respecto as datas exactas dos inicios da obra apuntándose dúas datas concretas:
1120-5, durante o pontificado de Alfonso II ou cara 1140, en época do obispo do Pelayo.
En 1170, a catedral conta cun poderoso valedor que impulsará a construcción da mesma, Fernando II, que traslada á poboación a un lugar seguro e amurallado para liberala dos constantes asaltos dos normandos e dos portugueses. Con motivo deste traslado, existe un documento no que se concede ó obispo Beltrán permiso para erixir un alcazar cedéndoselle parte da venda de grans para a construcción do mesmo así coma a igrexa de Santa María. Con respecto ó momento da inauguración do templo si existe unanimidade xa que será realizada polo Obispo Esteban Egea en 1225 baixo a advocación de Santa María.
Pódense dintinguir tres etapas constructivas aínda que é necesario sinalar que a catedral é un edificio de dilatada historia que sufríu transformacións, cambios e engadidos ó longo do tempo.
1. A primeira etapa, que se extende entre 1145 e 1175, débeselle a realización da cabeceira-transformada no século XV-, a Portada Norte, que amosa toda a pureza do románico de influencia compostelana e os brazos do cruceiro, de tres naves con tribunas coma en Santiago e cubertas con bóveda de arista. A cabeceira constaba de cinco ábsidas en escaleira. A sala capitular primitiva incluiríanse dentro das obras desta primeira etapa. Esta primeira fase denota fortes influencias do modelo compostelán sobre todo nos piares, nos arcos peraltados e nos capiteis. Dende 1170 a catedral conta co apoio, como xa indicamos, de Fernando II o que lle dará gran impulso ó proxecto.
2. Entre 1180 e 1200 desenvóltase a segunda fase constructiva que introduce as primeiras innovacións góticas. A influencia deste estilo predomina no conxunto do edificio actual. Nesta etapa levántanse as tres naves principais cos seus triforios de influencia francesa. Son elementos típicos desta segunda campaña os altos piares compostos da nave central coas bases circulares e as bóvedas de crucería das naves laterais, os arcos apuntados e a ornamentación máis austera e estilizada dos capiteis.
3. Cara a 1224 iniciase a terceira etapa co remate das naves maiores con bóvedas de crucería e o peche da catedral coa fachada totalmente gótica que desplega unha rica e variada decoración. A fachada, de 1225, está singularizada por un gran rosetón e un pórtico almenado que protexe a Portada principal. Con esta portada, en palabras de Francisco Singul, inaugúrase o gótico na península Ibérica. Destaca a novidade formal e iconográfica da súa representación escultórica. Presenta estatuas columna e o tímpano dividido en tres frisos superpostos adicados a exaltación da Virxe con episodios relativos á infancia de Cristo, Coroación de María e Xuizo Final.
CABECEIRA
Foi reformada e ampliada polo prelado Diego Beltrán entre os séculos XV e XVI partindo da antiga cabeceira de cinco ábsidas románica. A capela románica seguía as pautas das igrexas de peregrinación. Contaba con cinco ábsidas semicirculares sendo a maior a adicada a advocación da virxe para a que, no século XVI, se realizou un retábulo en pedra policromada da que se conservan algunha pezas. É probable que tivese xirola. A ampliación realizada no século XVI suposu a construcción dunha nave maior con tres capelas planas. A cabeceira acolle na actualidade parte do coro, obra do importante escultor Francisco Castro Canseco, que foi trasladado en 1954.
CRUCEIRO
Cuberto cun ciborio de bóveda estrelada de comenzos do século XVI que foi erixido a instancias de Diego de Avellaneda. Está decorado con escudos episcopais en cada unha das catro fiestas. Dende o cruceiro pódese observa-las bóvedas románicas nas naves do transepto norte que son un vestixio da fase máis primitiva da edificación.
BRAZO MAIOR
O brazo maior do templo está composto por tres naves. As naves laterais cúbrense con bóveda de arista. A nave principal con cuberta de bóveda de crucería con nervos.
FACHADA NORTE
A fachada Norte é sinxela e delata a influencia Compostelana. A portada, construída entre 1145 e 1175, corresponde a primeira fase constructiva da catedral mentras que a parte superior corresponde á conclusión gótica. A porta é do século XVIII tallada con bustos de santos populares. A portada de medio punto presenta un tímpano liso e sen decoración, agás o do fino sogueado do perfil sobre a porta, sostido mediante mochetas que figuran cabezas de bóvidos. Nos laterais, dous pares de columnas acodilladas nas xambas sosteñen sendos capiteis de grandes follas con bases decoradas con roeles. Os capiteis coróanse cos cimacios que soportan as catro arquivoltas de medio punto decoradas con motivos xeométricos destacando a exterior ornamentada cun minucioso axedrezado. Sobre a clave colócase unha peza ornamentada que serve de arranque para dous arcos de medio punto que se sosteñen nos contrafortes laterais. Finalmente, un gran arco de descarga con idéntica traza enmarca todo o conxunto. Este arco pertence a unha época máis tardía, posiblemente finais do século XII. Sobre o arco, o gran rosetón de triple rosca.
FACHADA PRINCIPAL
Dende as escalinatas accédese ó porche do século XV que protexe á portada principal. Este baldaquino está cuberto cunha bóveda de crucería soportada mediante catro contrafortes que no interior se transforman en columnas. O misterio da Anunciación está representado na cara interna dos dous contrafortes exterior coa aparición da Virxe co arcánxel San Gabriel. A fachada é realmente singular e moi interesante sendo evidente a influencia do Pórtico da Gloria. O tímpano estructurado en tres corpos de narración moi complexa aparece moi ornamentado con escenas da vida de Cristo enmarcadas nunha profusión de elementos decorativos nos que destacan os arcos trilobulados. No primeiro friso preséntase a Anunciación, o Nacemento e Anuncio ós pastores. No segundo a adoración dos Reis Magos ante o neno e a decoración arquitectónica do último nivel simboliza a Xerusalén celeste. Sobre este libro que é o tímpano, as arquivoltas locen traballos e motivos vexetais de palmetas, frondas e rosáceas. A cada lado da portada oito columnas, catro delas estatuas-columna representan a profetas e apóstolos de identidade incerta. A pesares dos estudos realizados existen dúbidas na identificación das mesmas. Na esquerda, Moises, Isaías ou Xeremías, San Pedro e San Xoan Bautista. Na dereita, Daniel, Xeremías ou David, Dona Urraca e o seu esposo Fernando II.
CLAUSTRO
É o único de orixe medieval que conserva unha catedral galega. Debeu ser levantado ó remata-las obras na catedral no século XIII como complemento do templo e da excepcional Sala capitular, a única románica en Galicia. O claustro presenta unha planta cadrada. Presenta coxías con bóvedas de crucería. As arquerías organízanse mediante vans de arcos apuntados, columnas pareadas e contrafortes que axudan a soporta-lo empuxe das bóvedas de crucería. Ten ventanais de doble oco apuntado baixo gablete, columna con capiteis. A cuberta é de bóveda de crucería.
AS TORRES
A Torre das Campás é románica, cun engadido do século XVI, mentras que a de San Andrés ou do Reloxio é gótica e data de 1419 sendo erixida polo prelado Juan Fernández de Sotomayor. Na primeira planta desta torre atópase a capela do Santísimo.
Fontes de información: Bouzón Gallego, A.; "La catedral de Tuy corazón de una ciudad histórica. I e II" en Historia de las Rías. Tomo II. Faro de Vigo. Vigo, 2000, páx. 585-616.