Logo Gallaecia Interactiva

Cargando as fotografías...

Nome do elemento patrimonial: SAN JUAN DE NOVELÚA MONTERROSO

Ano de creación: 1190-1200 aproximadamente

Autores: Mestre Martiño

Ano de toma fotográfica: 2003

Información: DESCRIPCIÓN XERAL
    A igrexa de Novelúa constitúe un interesante exemplo de arquitectura románica xa que, ademáis de coñece-lo nome do seu autor, conserva elementos arquitectónicos que non son comúns como o pórtico e a torre que preceden á igrexa. A igrexa foi unha fundación do presbítero Novelo e da súa irmá Dona Luna.

ASPECTOS ARTÍSTICOS
IGREXA
    A igrexa erixida sobre un antigo castro manten moitas similitudes coa igrexa de San Pedro de Bembibre. É un edificio de planta e ábsida único. A ábsida individualízase do resto do edificio mediante un arco triunfal con tendencia a apuntarse. A decoración deste arco é moi interesante. Na rosca exterior loce rombos encadeados formados a partires de rectángulos de lados curvados.
    No arco menor destacan os capiteis, sobre todo o situado á dereita polo seu carácter excepcional. É un capitel figurado que conta unha historia complexa. O capitel da esquerda presenta unha decoración vexetal.
    O arco faixón susténtase en plintos cunha decoración tamén inusual. Un deles con rosetas inscritas en círculos e o outro plinto con círculos secantes que se relacionan coa obra do mestre Martiño e dos seus seguidores. Baixo os plintos, os capiteis, un deles vexetal e outro con entrelazo.
    O edificio conserva frescos en bastante bo estado.

EXTERIOR
    No exterior da ábsida, debemos detaca-la celosía de granito. A pervivencia deste tipo de pechaduras é moi pouco común. Neste caso, a celosía ten, no espacio central, un oco a modo de saeteira e está flanqueado por dúas reas de círculos a cada lado. Nos muros laterais da nave do edificio preséntanse contrafortes que son inservibles tendo en conta a estructura interna do edificio e o teito de madeira. A maioría dos canzorros situados nos muros desta zona do edificio córtanse en forma de proa de barco e algún decórase con forma de motivos xeométricos.

PORTADA
    A portada principal queda protexida por un pórtico. Esta portada consta de triple arquivolta semicircular abocetada. Un fino axedrezado decora a rosca das dúas menores ó igual ca na chambrana. As arquivoltas descansan en seis columnas distribuidas, a cada lado, en grupos de tres. Os capiteis son vexetais excepto os dous centrais que adoptan solucións zoomórficas: harpías afrontadas e leóns rampantes. Nos cimacios empréganse follas que parten dun talo ou círculos secantes.
    A xambas da porta rematan en ménsulas en forma de cabeza de touro.
    O tímpano está decorado con tres entrelazos cruciformes destacando a inscripción na que se sinala o nome do artífice do edificio: "ISTES MAGISTER MARTINVS FECIT MEMORIA".
    O pórtico amplo protexe a portada. Está cuberto con teito de madeira e realizado en muro de canteiría. No exterior, os canzorros presentan forma en proa ou en caveto. Os pórticos foron construccións habituais no románico rural en Galicia pero eran edificacións perecedeiras, de ahí que sexa excepcional a súa conservación.
    A torre é de planta cuadrangular e segue sendo un elemento excepcional no románico. Da época medieval destacan os capiteis das fiestras sur e oeste. A zona superior é máis tardía, de época barroca.

Fontes de información: Bango Torviso, I.; "Galicia románica". Vigo, 1987. Cegarra, B.; "Guía e rutas da arte galega". Vigo 2000. "Galicia pueblo a pueblo". La Voz de Galicia, Coruña, 1993. VV.AA.; Historia del arte gallego. Madrid, 1982. Yebra de Ares, A.; "Monterroso, Pasado y presente". Lugo, 1987. Yzquierdo Perrín, R., "Arte Medieval I". Galicia Arte. Tomo X. Hércules, Coruña, 1993.