Cargando as fotografías...
Nome do elemento patrimonial: PAZO DE QUIÑONES DE LEÓN
Ano de creación: Século XVII-1665-1670/ Finais século XIX
Autores: Anónimo
Ano de toma fotográfica: 2001
Información:
DESCRIPCIÓN XERAL
O pazo Quiñones de León atópase integrado dentro do gran parque de Castrelos, no corazón verde da cidade de Vigo. Foi doado á cidade polos seus propietarios en 1925 sendo na actualidade a sede do Museo Municipal inaugurado en 1937. A pinacoteca do pazo alberga unha das mellores coleccións de artistas galegos con obras de Lugris, Julia Minguillón, Souto, Lloréns...O Pazo posue unha sección adicada a arqueoloxía con pezas que abarcan dende o ano 1500 ó 600 antes de Cristo. Son moi interesantes os xardíns que o rodean onde se pode disfrutar de especies autóctonas e exóticas ó mesmo tempo.
ASPECTOS HISTÓRICOS
As orixes do pazo Quiñones de León remóntanse a Idade Media, a unha antiga fortificación coñecida como Torre de Lavandeira da cal é difícil establece-las datas exactas da súa edificación-tendo en conta a inexistencia restos arquitectónicos minimamente recoñecibles e a escasez de mostras documentais- e que coa súa destrucción no século XVIII propiciou a construcción do actual pazo. As dificultades acentúanse cando se pretende localiza-la ubicación antiga torre existindo súas hipótesis ó respecto: 1. Que unha das dúas torres do Pazo de Quiñones de León se asente sobre a estructura da torre medieval 2. Que a Torre de Lavandeira tiña unha ubicación distinta a actual localización do pazo como queda claro no escudo de armás dos Tavarés situado na portada do pazo que sinala, "Mandole mudar de su solar antiguo en este D. Benito Tavarés, su dueño para maior conveniencia. Anno MDCLXX" O século XVII caracterízase polo conflicto interminable con Portugal que afectará moito ó Sur de Galicia. O ataque do exército portugués en 1665 á comarca viguesa e o asedio a Vigo terá unha gran repercusión e unha das súas consecuencias será a destrucción da Torre de Lavandeira - xa moi deteriorada- que sufre uns danos que imposibilitan a súa restauración sendo necesario a súa demolición e reconstrucción integral. Unha vez consolidada a edificación, durante o século XVIII practicamente non se producen cambios nin obras de entidade no edificio. Foi empregado como hospital eventual durante a Guerra de Independencia e ata o século XX ala dereira da planta baixa foi coñecida como Hospital. Haberá que esperar ata finais do século XIX para que se produzan as importantes obras de ampliación e axardinado que lle outorgan o aspecto actual. Os traballos de remodelación realízanse por iniciativa dos últimos propietarios: o marqués de Alcedo e o marqués de Valladares. Os cambios propiciados polo marqués de Alcedo afectarán a aspectos exteriores e extructurais como o remate do bastión dereito, o engadido de un entablamento decorado con encadeado e escudos nobiliarios na cornisa, recargamento do aspecto ornamental como cadeas, escudos, almeas...que lle confiren ó pazo un aspecto castrexo que non posuía o primitivo máis civil. O marqués de Valladares terá unha actuación máis limitada ó interior do edificio. Á morte sin herdeiros do marqués de Valladares en 1918 propiciou que o seu pai, o marqués de Alcedo doara o pazo ó pobo de Vigo. A doación inicial do 12 de decembro de 1925 non será efectiva ata 1934 ano no que a usufructuaria do pazo, a dona do marqués de Valladares, efectúa unha rebaixa no prezo do pazo e por fin pode cancelarse a deuda municipal. Entre 1925 e 1934 discurre o periodo usufructuario do pazo. Nesta datas aparece Mr. Cecil Allandson, novo marido de Mariana de White -viuva do marqués de Valladares- cun papel fundamental no desenvolvemento dos xardíns do pazo. Dende 1934 o pazo pertence plenamente ó Concello de Vigo e dende 1938 Don Ángel Ilarri foi o conservador do recinto. O Museo Municipal foi inaugurado en 1937 e a súa remodelación rematada en 1966.
PAZO QUIÑONES DE LEÓN
Dos anos 1665 a 1670 son as datas de partida para a construcción do actual pazo Quiñones de León como indica o escudo de armas da portada. A influencia dos pazos urbáns do renacemento castelán deixánse sentir no deseño do novo pazo que terá como modelo o pazo de Santhomé finalizado en 1633. Este pazo é un exemplo de palacete renacentista urbán e carece da típica escalinata exterior co cal este modelo é totalmente cidadán podendose atopar tipoloxías parecidas en palacetes renacentistas casteláns, sobre todo de Valladolid. O actual museo Quiñones de León, nos seus trescentos anos de historia sufríu modificacións e engadidos -sobre todo a finais do século XIX- que alteraron a planta orixinal. A tipoloxía de dúas torres vencelladas por un corpo central é o esquema base da composición. Esta é unha planta elemental, sin alas ou variantes que compliquen a tipoloxía axial con dúas torres xemelgas. É imposible coñece-la autoría das trazas do pazo co que o seu deseño e construcción estivo en mans de mestres de obra.
EXTERIOR: FACHADA
Esta tipoloxía organízase en alzado en dúas alturas no corpo principal e unha altura máis para as torres. O corpo principal presenta no nivel inferior a porta de entrada franquedada por dous vans adintelados. O segundo nivel organízase mediante catro balcóns. No centro, sobre a porta principal, o escudo de armas que contén o texto de datación e a titularidade do pazo. A decoración neste corpo central é moi sinxela e consiste nun resalte dos vans mediante pezas de cantería sobre os muros encalados que se limita a unha moldura curva de granito. Esta mesma moldura de cantería marca a división de ámbalas dúas plantas. A sinxeleza do zócolo de granito anímase coa presencia de dous bancos de pedra baixo as fiestras da primeira pranta. O remate superior e unha cornisa cun engadido sobreimposto -de época máis tardía-que consiste nun entablamento decorado con almeas e que axuda a achata-la fachada. O actual encalado dos paramento é un rasgo herdado do conxunto primitivo manténdose unha correspondencia co aspecto orixinal do pazo. As torres na sua orixe non eran idénticas. A torre da esquerda acadaba, xa na construcción primitiva, a altura actual mentras que a torre da dereita posuía a mesma altura que a cornisa do corpo central. Coa posterior adición das almeas, esta torre alcanzaría a cota que loce na actualidade. Esta diferencia de altura podería explicarse por unha carencia de medios para remata-la torre, o que revela que o pazo foi edificado de esquerda a dereita. Segundo Ángel Ilarri, incluso existíu un periodo de tempo breve no que a torre da esqueda permaneceu exenta e máis tarde se erixíu o corpo central e esto explicaría a falta de relación interna -agás por unha estreita entrada- entre este módulo central e o bastión. As torres repiten o mesmo esquema de ocos con dúas fiestras adinteladas que se suceden en tres niveis de altura agás no primeiro que presenta un balcón e unha fiestra. A súa gran proporción e anchura transmiten un aspecto de pesadez á fachada. O remate está composto por unha coroa almeada que, en opinión de José A. Martín, quere simboliza-la unión do novo pazo coa antiga torre medieval aínda que esta decoración castrense é, con toda probabilidade, un engadido posterior xa que o pazo carecía de almeas na súa configuración orixinal tanto no corpo central coma nas torres. As fachadas posteirores están moi alteradas polos cambios e as adiccións pero parece que esta fachada traseira non posuía unha ornamentación especial reservando esta para a cara nobre.
INTERIOR
O pazo mantén o esquema interno de pazo urbán no que as habitacións de servicio, almacéns, cociña... están na primeira planta e a segunda está reservada á vivenda da familia. A escaleira actual de comunicación das dúas plantas é do século XX. Con toda probabilidade, o edificio orixinal carecía dunha escalinata monumental pero sí contaría con escaleiras máis pequenas e funcionais.
AMPLIACIÓNS
A finais do século XIX produciranse as ampliacións do edificio.
Constrúese unha segunda cruxía que aumenta o espacio para a vivenda pero que altera a fachada posterior e o lateral dereito. A adición dunha segunda cruxía ampliada foi en dúas fases:
1. Primeira fase que supuso a ampliación das dúas plantas inferiores, incluidas as torres.
2. Unha segunda fase na que se engadíu unha altura no corpo central, unha terceira planta, co que foi necesario altera-las cuberta e engadir un entablamento, a sobrecornisa almenada para disimula-la pendente do faldón do corpo central.
Neste momento realizánse modificación e ampliacións na ala esquerda do pazo separándose o corpo principal da zona de servicios. Entre estos dous edificios sitúase a capela de estilo neoclásico. O marqués de Valladares realizará modificacións no interior do pazo. Estas aportacións teñen unha gran influencia da arquitectura inglesa, das casas de campo que él coñecía pola súa estancia neste país como consecuencia do cargo de agregado da ambaixada española en Gran Bretaña. O hall e a gran escalinata de madeira son o resultado da súa contribución e a inspiración na arquitrectuta inglesa conseguíu insuflar monumentalidade e dignidade ó interior do pazo.
XARDÍNS
O xardín do pazo é a evolución da horta primitiva existente no propio pazo. Os xardín do pazo de Quiñones de León foron deseñados afinais do século XX e a zona axardinada presenta poucas hectáreas frente o parque de 20 hectáreas.
No recinto axardinado que se localiza no entorno do pazo atopamos catro sectores claramente diferenciados:
O xardín de acceso ante a fachada do pazo preséntase a modo de gran antesala deseñado a instancias do marqués de Valladares.
Na parte posterior existen outros xardíns, o xardín inglés, o xardín francés e a rosaleda.
No xardín inglés atópase o estanque cunha reproducción do pazo na isleta central que funciona como refuxio dos patos. No parque son interesantes as especies vexetais -autóctonas e exóticas -e as arbóreas como os eucaliptos que foron dos primeiros en chegar a Galicia dende Australia.
Fontes de información: Martín Curty, J.A.; Castrelos: "Aproximación arquitectónica". Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Vigo, 1989