Cargando as fotografías...
Nome do elemento patrimonial: MOSTEIRO DE SAN SALVADOR LOURENZÁ
Ano de creación: Igrexa, 1º tercio do S.XVIII
Autores: Igrexa:Fr Juan de Samos e Fernando de Casas Novoa
Ano de toma fotográfica: 2003
Información:
DESCRIPCIÓN XERAL
O mosteiro foi fundado polo Conde santo, Don Osorio Gutiérrez e todo o val de Lourenzá debe a súa historia e importancia á obra fundacional deste santo.
O Conde Santo decidíu fundar un mosteiro suxeito á observancia e disciplina de San Bieito nas terras que poseía dentro do obispado de Mondoñedo. Primeiro fundou o mosteiro e posteriormente abrazou a vida monástica. O abade Munio foi o primeiro do recén fundado mosteiro e estivo ó frente do mesmo dende 969 ata 1015.
O Conde, xa monxe, peregrinou a Terra Santa para visita-los santos lugares para logo tornar e morrer no mosteiro de Lourenzana. Foi sepultado nun monumento funerario que se conserva na actualidade na capela de Santa María de Valdeflores. É un sepulcro datado no século XI e destaca pola calidade do material, un mármore de brillo e calidade extraordinaria sin que se atope en España outro sepulcro similar polo que se considera que procede de Oriente Medio.
ASPECTOS ARTÍSTICOS
Orixinalmente o mosteiro de Vilanova de Lourenzá podía dividirse en tres conxuntos diferenciados: Convento, cámara abaical e maiordomía e a igrexa.
O mosteiro ocupaba un espacio de forma rectangular con dous patios en medio dos dous claustros, actualmente modificados como consecuencia das reformas levadas a cabo no século XVII que reestructurou todo o mosteiro desaparecendo tódolos vestixios das antigas edificacións románicas e oxivais.
REFORMAS
No ano 1637 comezaron as obras do claustro máis próximo á igrexa, de forma cadrada con cinco arcos en cada lenzo separados por pilastras dóricas. O mestre destas obras será Juan de Villanueva aínda que o claustro non se remataría ata 1653 sendo mestre de obras Antonio Rodríguez Maseda que contratou construi-los paños do claustro que faltaban.
En 1644 decídese acometer novas obras no mosteiro e entre 1648 e 1650 figura na documentación do mosteiro o nome de Francico López Rosillo como mestre principal das obras dos claustros, do edificio e dependencias do mosteiro.
FACHADA DO MOSTEIRO
Destas datas, mediados do século XVII, son as reformas na fachada do mosteiro, en ángulo co da igrexa e formando límite coa plaza principal da vila. A fachada e moi sinxela composta de dous corpos flanqueados por columnas exentas -torneadas as do corpo inferior- apoiadas en modillóns adosados ós muros. No primeiro corpo a porta en forma de arco semicircular rebaixado, no segundo, un amplo balcón de ferro con porta rectangular aberta no muro. Sobre o cornisamento, un frontón semicircular onde loce o escudo coas armas do fundador. Ó longo dos paramentos da fachada dúas series de fiestras intercaladas con pilares adosados que soportan o alero do tellado e os pináculos que os rematan.
No interior do mosteiro destaca a escada en forma elíptica que que comunicaba a portería coa cámara abaical, a maiordomía, a biblioteca e demáis de pendencias da parte alta do mosteiro.
IGREXA
A igrexa foi totalmente reedificada no século XVIII. Os datos sobre o edificio obtéñense de Fr. Benito Ponte que sinala que a traza da igrexa na parte do presbiterio e do crucero é obra de Fr Juan de Samos. As obras comenzaron baixo a dirección deste mestre de obras pero foron continuadas dende 1733 polo arquitecto Fernándo de Casas Novoa saíndo das súas mans a traza da fachada e das naves da igrexa. As obras comezaron nos primeiros anos do século XVIII, despois de termina-las reformas do mosteiro de dos claustros que se dan por rematados en 1708.
A igrexa ten planta de cruz latina con tres naves no brazo maior e outra formando o cruceiro coronado cunha cúpula de media laranxa. Grandes pilastras sosteñen o cornisamento composto por distintas pezas ornamentais e separan as tres naves cubertas con bóvedas de lunetos. Destaca o altar maior cun retábulo clasicista.
FACHADA
A fachada está enmarcada por dúas torres cuadrangulares -unha das cales quedou sen rematar-componse de tres corpos. O corpo inferior acolle a portada flanqueada por dous pares de columnas a cada lado. Nos intercolumnios fornallas que acollen imáxenes de San Bieito e santa Xertrudis. Sobre a porta a Asunción da Virxe. No segundo corpo unha fornalla central coa imaxe do Salvador. O seu lado sendas columnas acompañadas por grandes escudos decorativos. No terceiro corpo, unha fiestra rectangular que ofrece luz ó interior. O remate componse dun cornisamento de frontón partido para acolle-la imaxe do Conde Santo en traxe de pelegrín. Coroa todo o conxunto unha representación da Fe.
Fontes de información: "Galicia pueblo a pueblo". La Voz de Galicia, Coruña, 1993. Sa Bravo, H.de.; "Monasterios de Galicia". León, 1990, páx. 38-44 VV.AA.; "Historia del arte gallego". Madrid, 1982.